DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova responsable é profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Alma Gómez releva a Alberto Vaquero á fronte do Programa Universitario de Maiores en Ourense

O coordinador saínte ocupou este cargo durante unha década

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 14/12/2023

Alma Gómez, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é a nova coordinadora do Programa Universitario de Maiores (PUM) no campus de Ourense, proxecto educativo dirixido á poboación de máis de 50 anos que pretende favorecer a súa incorporación á vida universitaria. A nova responsable substitúe no cargo a Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que estivo á fronte desta iniciativa durante a última década.  

Liña de continuidade

Profesora no PUM en Ourense desde a súa posta en marcha no ano 2000, Alma Gómez explica que “cando me propuxeron para este posto acepteino con moita ilusión e con gañas de achegar o meu grao de area para a continuidade destas actividades nas que aprendemos tanto como ensinamos. Espero poder contribuír co meu traballo a que este proxecto siga o seu camiño de éxito no campus”. Sobre a relevancia deste programa recalca que “creo que é importante que haxa una conexión da universidade coa súa contorna e aportemos cousas á sociedade, por iso aposto firmemente por programas de integración coma o de maiores ou de atención á diversidade”.

Na súa chegada ao posto Alma Gómez destaca que “o anterior coordinador, Alberto Vaquero, realizou un traballo excepcional” e apunta que “xunto co resto de coordinadores de Maiores da Universidade de Vigo definiron un novo plan de estudos para o ciclo intensivo do programa, que supuxo unha renovación e un novo pulo”. Isto, recalca a profesora, “fixo que no presente curso académico o número de participantes en primeiro curso sexa o máis elevado que lembro, e alcance os 40 alumnos, o que dá idea do interese que esperta e da boa labor realizada”. A nova coordinadora tamén pon en valor o feito de que nos últimos anos levouse a cabo “un programa adicional nas vilas da provincia con pequenos cursos e talleres especializados, para exportar de algún modo as aprendizaxes do programa a outros maiores que non poden desprazarse á capital”. Para o desenvolvemento da súa actividade, engade Alma Gómez, o PUM conta ademais “co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e do resto do equipo reitoral, coa garantía que supón”.

Tendo en conta esta evolución positiva, a nova coordinadora sinala que o obxectivo agora para o PUM Ourense é “asegurar a súa continuidade cos niveles de calidade e éxito acadados ata o momento”. Porén, indica, “isto está garantido grazas á implicación e interese dos docentes que participan, que son un dos activos fundamentais do programa”. Entre outros aspectos tamén pon o aceno en que o principal reto é a satisfacción do alumnado, “por iso, estarei moi atenta ás necesidades e suxestións que fagan os maiores, pois de seguro a súa experiencia e contribución axudaranos a mellorar”.

Valoración de dez anos de traballo

Pola súa banda, sobre a etapa que pecha á fronte do PUM Ourense, Alberto Vaquero sinala que “estou moi agradecido pola oportunidade que se me deu de traballar nesta apaixonante actividade. O que comezou como una actividade extraacadémica agora converteuse nunha titulación máis cunha forte presenza nos tres campus e incluso en outras vilas como Allariz, Celanova ou Lalín”. O máis satisfactorio foi, sinala, “o contacto cos alumnos máis veteranos da universidade, dos que aprendín moito; a verdade é que teñen unha experiencia vital e unhas gañas de aprender que son verdadeiros exemplos de que a aprendizaxe non ten idade”. Na súa despedida do cargo destaca que o traballo realizado “non houbera sido posible se non existira un equipo humano tan valioso como as miñas compañeiras da unidade administrativa, que son para min unha das pezas fundamentais, e os meus compañeiros docentes, sempre dispostos a colaborar”. A todos eles e elas “e aos diferentes equipos reitorais, especialmente aos vicerreitores de campus de Ourense, Titulacións e Extensión Universitaria, directores da Escola Aberta de Formación Permanente e coordinadores xerais do Programas de Maiores, os meus agradecementos pola súa confianza nesta década”.