DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mariana Carballal, actriz e docente en Comunicación Audiovisual:

“Almodóvar fíxome sentir tan importante como Banderas”

Coñecida polos 'Tonechos', ten un pequeno papel en 'La piel que habito'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 14/02/2011

Asegura que nunca sentiu a chamada do espectáculo como tal pois quixo ser actriz “non por facer algún personaxe senón para cambiar o mundo desde un escenario”, explica Mariana Fernández Pérez, máis coñecida como Mariana Carballal, unha das mellores profesionais do panorama audiovisual galego e profesora de Dirección escénica e Interpretación en Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Actriz de televisión, de cine e de teatro, tivo a oportunidade de facerse un pequeno oco na nova película de Pedro Almodóvar, unha experiencia que recoñece que lle subiu a autoestima porque “me fixo sentir tan importante como Antonio Banderas”. Nacida nunha pequena aldea en Ourense, na actualidade presenta o reality show da Galega O gran cambio, “outra experiencia nova”, apunta.

Considera que rodar cun dos mellores directores españois foi unha grande experiencia e apunta que Almodovar “fai sentir igual aos protagonistas e aos que temos soamente unha pequena secuencia; aos 10 minutos xa me chamaba polo meu nome”, subliña a actriz. Participar no filme La Piel que Habito supúxolle dous días de gravacións no Pazo da Oca onde se rodou unha secuencia de noite. “Comezaba ás seis da tarde e remataba ás dez da mañá cos pés inchados pero encantadísima de traballar cun director educado, amable e sobre todo cun gran profesional”, engade.

Naceu nunha pequena aldea de Ourense onde a televisión chegou cando tiña xa doce anos e pisou por primeira vez un teatro en Madrid cando estaba a piques de cumprir a maioría de idade, polo que non tiña unha referencia moi concreta do que era ser actor e “non quería parecerme aos do cine porque empecei a velo pouco e tarde”. Mais iso non foi impedimento para que tivese claro desde un principio o que quería ser.

Polifacética

Ademais de actriz de cine, televisión e teatro, tamén tivo as súas experiencias como directora de ficción. Foi coa serie Libro de Familia e pensou “que era unha broma o día que Xosé Manuel Besteiro, o produtor, mo propuxo”. Nun principio a súa colaboración estaba centrada en dirixir o cásting dos actores, pero “como o tema que reflicte a serie foi unha realidade da nosa vida porque somos nenos do interior, do agro, e tiñamos unha visión común, confiou en min e creo que foi ben pois conseguimos fidelizar unha boa audiencia”, apunta Carballal.

Pero Carballal non limita a súa traxectoria profesional á interpretación, tamén imparte clase aos alumnos de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. “A docencia é o que máis me gusta de todo o que fago, tamén foi vocacional”, subliña lembrando que durante doce anos colaborou coa prisión de mulleres de Yeserías en Madrid. “O teatro permítelles vivir outra realidade e recibir aplausos o que nunha vida con poucos éxitos é importantísimo, ademais de que traballan moitos elementos disciplinarios converténdoo nun camiño moi válido para lograr a reinserción social”.

Pero foi O show dos Tonechos o que lle achegou popularidade pero tamén aprendizaxe, “grazas a un traballo moi profesional, excelentes compañeiros e seis anos de terapia de risas e risas…”. Na actualidade presenta o reality show da Galega O gran cambio, “outra experiencia nova”, unha oportunidade que xurdiu polo feito “de vir de encarnar a Maribel e polo coñecida que me volvera por ese personaxe”. Gustaríalle ser lembrada “por unha persoa que fai rir o que nos tempos que corren ten moito mérito”, conclúe.