DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Valero, director da Escola de Enxeñaría Forestal:

“A alta estima dos enxeñeiros forestais do campus explica a súa baixa taxa de desemprego”

A escola garante prácticas e mobilidade internacional para todo o alumnado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 31/05/2013

Cando se aproxima o remate do seus estudos universitarios de grao é cando o alumnado comeza a pensar máis seriamente no seu futuro laboral, valorando de xeito moi positivo a realización de prácticas preprofesionais no seu sector. Esta é precisamente unha das especialidades da Escola de Enxeñaría Forestal, que continúa a mellorar o programa de prácticas externas, adaptándoo ás necesidades reais tanto do alumnado coma das empresas.“A alta estima dos enxeñeiros forestais deste campus explica en boa medida unha taxa baixa de desemprego para esta disciplina” asegura o director da escola, Enrique Valero, ao tempo que fai fincapé na importancia de garantirlle prácticas de calidade ao alumnado.

Segundo Valero, o éxito dos titulados en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo radica na formación completa e transversal que se imparte no conxunto dun grao “no que forxamos profesionais altamente cualificados na correcta xestión do monte, na produción de madeira e de pastos, na xestión ambiental e no desenvolvemento de industrias forestais respectuosas co medio ambiente”. A mellora continua nesta política de prácticas está directamente relacionada coa demanda deste tipo de titulados no mercado laboral. Un feito ao que se lle debe sumar que “a industria forestal se converteu nos últimos anos nun sector estratéxico dentro da Unión Europea no que atinxe á bio-economía, tamén coñecida como economía sostible, que persegue a constitución dun modelo social baixo en carbono abandonando o modelo baseado nos combustibles fósiles”.

Prácticas en Europa e América Latina

A realización deste tipo de actividades curriculares serve tamén, segundo subliñan dende escola, para fortalecer os lazos xa existentes entre a universidade e as empresas e entidades do sector forestal na comunidade autónoma que son ao fin “os potenciais empregadores dos futuros graduados”.Para o vindeiro curso académico 2013-14, o alumnado da que será a primeira promoción de grao en Enxeñaría Forestal poderá realizar no seu último ano de estudos prácticas en diversas entidades do sector como son empresas de servizos e explotacións forestais, entidades ligadas ao medio ambiente, aserradeiros, carpinterías e firmas vinculadas ás enerxías renovables e a o moble.

A maiores, tal e como salienta Valero, ata o de agora un bo número de alumnos e alumnas teñen realizado estas prácticas en empresas estranxeiras situadas en países de Europa (Alemaña, Chequia, Finlandia) e de América do Sur (Chile, Uruguai, Brasil, Perú) . A través da súa colaboración co programa Erasmus Prácticas, a Escola de Enseñaría Forestal quere continuar facilitando a internacionalización do seu alumnado. “O feito de que a titulación non estea masificada permítenos ofrecer este importante e beneficioso complemento formativo, atendendo ás necesidades de cada un dos estudantes”, destaca.