DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Francisco J. López Corrales, profesor da titulación de Xestión e Administración Pública:

“Unha alta porcentaxe de empresas descoñece as implicacións do novo Plan Xeral Contable e ten dificultades para adaptarse a el”

Na presentación do seu último libro sobre o actual sistema

Etiquetas
  • Pontevedra
Ana Terceiro DUVI 17/04/2008

A publicación da nova versión do Plan Xeral Contable está traendo moitos máis problemas dos que, nun principio, se supoñían. Así o explicou o profesor da titulación de Xestión e Administración Pública, Francisco Javier López Corrales, na presentación do seu último libro, El Nuevo Plan General de Contabilidad, onde fai unha análise dos cambios fundamentais que provoca a adaptación a este novo sistema. Acompañado polo delegado en Pontevedra do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia e conselleiro delegado de SIGA, José Ramón Carril, o docente afirmou que “unha alta porcentaxe das compañías galegas aínda descoñece as implicacións do actual texto e ten dificultades para adaptarse a el”. Ademais, en relación con este tema, López Corrales afondou na idea de que “moitas pequenas e medianas empresas non se puxeron ao día sobre as novidades do novo plan e seguen pensando que é un mero cambio de díxitos e nomes, que non precisan afondar máis para obter unha comprensión cabal do seu significado e da súa operatoria”, aínda que o profesor tamén insistiu en que moitas outras, como as compañías que son asesoradas por xestorías e outros profesionais, xa participaron en diversos seminarios antes da súa aplicación efectiva.
Esta adaptación pola que teñen que pasar as entidades non está sendo igual para todas elas, segundo comentaron os dous poñentes na sede da Vicerreitoría do campus pontevedrés. De feito, os custes do cambio dos sistemas informáticos varían moito en función dos servizos que teñan contratados e, tal e como dixo Corrales, “se a Peme ten un contrato de mantemento do software, o desembolso é nulo, mentres que se non o ten, podería oscilar entre os 700 e os 1000 euros”. Por outro lado, os gastos máis elevados derívanse, sobre todo, dos cursos á carta que teñen que facer as grandes institucións para formar ao seu persoal contable. Estes seminarios, cunha duración de entre 10 e 20 horas, “poden supoñer un gasto de ata 12.000 euros ou máis”, subliñou o docente. Sen embargo, as Pemes resultan máis beneficiadas e non pagan tanto por esta formación, xa que na súa maioría derivan a consultoras externas os seus exercicios contables. Neste senso, López Corrales tamén destacou a existencia de bonificacións no pago de cotas á seguridade social e axudas que conceden as administracións públicas para que as empresas formen aos seus empregados.

“El Nuevo Plan General de Contabilidad”

No seu libro, Francisco J. López Corrales, fai un estudo das distintas partes nas que se estruturou o recentemente aprobado Plan Xeral Contable (PXC) en comparación co anterior, do ano 1990, pondo de manifesto as principais novidades existentes entre ambos métodos. O contido organízase en varios capítulos de tal xeito que, en primeiro lugar preséntase o marco conceptual para deixar constancia da súa forma ademais de distintos exemplos representativos de algúns criterios de valoración que ata agora non figuraban, como valor razoable, valor de uso ou custe amortizado. A continuación explícanse os aspectos máis relevantes que incorpora o novo plan, afondando sobre todo na 9ª norma de instrumentos financeiros e na que regula as denominadas combinacións de negocios. O capítulo tres do libro correspóndese coa terceira parte do PXC, de onde se desprende a actual estrutura das contas anuais, o maior enfoque informativo e a incorporación de dous documentos: o estado de cambios no patrimonio neto e o estado de fluxos de efectivo.
O resto da publicación fai unha análise comparativa entre os distintos grupos, subgrupos e contas que compoñen ambos plans, acompañado de varios supostos prácticos de moita utilidade para unha mellor comprensión da parte teórica.