DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alterarte ofrece un espazo libre e aberto para as exposicións dos artistas noveis

A tempada pechará cunha orixinal visión das postais turísticas da man de Olmo Cuña

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 27/05/2009

Son xa cinco os anos que o proxecto de Alterarte leva en marcha, as dúas primeiras tempadas baixo a dirección de Xosé Manuel Buxán e dende hai tres anos con Ignacio García. Por esta sala de arte contemporáneo, que nace como un espazo libre, aberto e fóra do ámbito comercial para novos artistas, pasaron unha trintena de exposicións do máis variado, aínda que case todas elas de ex estudantes da Facultade de Belas Artes. Sen embargo, este lugar tamén se ofrece a outras sensibilidades que queiran formar parte do proxecto, polo que teñen pasado pola sala artistas que non están relacionados coa Universidade de Vigo. “Precisamente a tempada pasada abrimos con FRICS, un grupo de músicos moi ligados á performance de Oporto e este ano comezou con Left Hand Rotation de Madrid”, lembrou o comisario García.
Ao longo de cada tempada soen pasar pola sala seis mostras diferentes e aínda que os estilos son do máis variado, “nos últimos anos predominou o vídeo en diferentes sentidos: como eixo da exposición ou como reflexo da mesma”. Por suposto tamén se puideron visitar mostras de pintura, fotografía, montaxes e instalacións.
O proceso para expoñer en Alterarte flúe en dous sentidos, ou ben García se pon en contacto cos artistas ou son estes os que lle envían as súas propostas, aínda que este último caso é o menos habitual. Na súa labor como comisario, García recibe os dossieres dos artistas e “valoro se teñen cabida dentro da política expositiva da sala”.
Ao remate de cada tempada de Alterarte, edítase unha colección de pequenos catálogos individuais coas exposicións que pasaron pola sala, “algo fundamental para os creadores”. Esta publicación ademais de servir como recordo para os artistas, é unha boa carta de presentación de cara a outras salas, “xa que o catálogo envíase a diferentes a centros de arte, críticos e galerías de toda España, persoas interesadas neste mundo e potenciais contactos para os artistas”.

O panorama artístico en Galicia

Segundo o comisario, o nivel da sala é moi bo, xa que “a pesar de que os artistas que pasan por aquí son noveis e están incorporándose ao circuíto, realmente traballan ben”. Para García, que tamén estudou Belas Artes, son precisamente os alumnos desta titulación “os que están ofrecendo un panorama artístico interesante dentro de Galicia”.
No tocante ás saídas laborais da carreira, García non pensa que sexa unha situación máis difícil ca de outra titulación, “simplemente hai que buscar un oco”. Sen embargo, si admite que para saír adiante é preciso “poñer empeño e dedicarse en corpo e alma á arte, tanto sexa na xestión cultural como na creación de obra artística”. Sinalou, ademais, que unha saída habitual nos últimos anos é o deseño gráfico e “hai bastante mercado”.

Alterarte pecha por vacacións

A derradeira exposición da tempada chegará a mediados de xuño da man de Olmo Cuña, estudante de Belas Artes, que agora mesmo está a desenvolver a súa actividade en Valencia. A súa exposición ofrecerá unha orixinal visión das postais turísticas, mediante “a intervención nas paisaxes que amosan as imaxes”. Este curioso traballo, que tamén realiza en cromos de fútbol, xurdiu a raíz dunha estadía de estudos en Tenerife onde, a través doutro artista, logrou facerse cunha colección de postais dos anos 70, época de grande auxe turístico da illa. Tras esta mostra, “moi apropiada para as datas vacacionais ás que nos achegamos”, Alterarte pechará as súas portas ata a próxima tempada.