DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase a exposición do artista Xulio Gil e o comisario Xosé Enrique Acuña

Alterarte sacraliza os petróglifos transformándose na súa capela

Con esta mostra o proxecto 'Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas' inicia a súa segunda etapa

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 28/11/2011

Desde este luns e ata o vindeiro 20 de xaneiro a Sala Alterarte do campus de Ourense non só é un espazo expositivo de arte contemporánea. É tamén unha pequena capela na que os antigos petróglifos se sacralizan para trasladar ao visitante a un tempo no que estes debuxos en pedra eran, non mitos nin manifestacións culturais, senón elementos de relixiosidade. Unha viaxe no tempo que é posible grazas á exposición Capela de Arcos, do artista Xulio Gil e do comisario Xosé Enrique Acuña. Constitúe ademais a sexta mostra que alberga Alterarte dentro do seu proxecto expositivo Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas.

A exposición foi inaugurada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, coordinador da Sala Alterarte; o creador Xulio Gil e o crítico Xosé Enrique Acuña. “Esta mostra e todo o proxecto de Estado Crítico permítenos abrir unha ventá a unha nova realidade, a unha forma innovadora de ver as cousas, e tamén nos axuda a desenvolver a conciencia crítica”, destacou María Lameiras durante a inauguración. Con Capela de Arcos, salientou Xosé Manuel Buxán, Estado Crítico pasa o seu ecuador e inicia unha segunda etapa cun comisario, Xosé Enrique Acuña, que destaca “pola fondura investigadora e o rigor dos seus comisariados”, e cun fotógrafo cunha longa traxectoria como é Xulio Gil.

A evolución da fotografía

Capela de Arcos está formada por unha serie de fotografías de diferentes espirais, labirintos e redundancias de petróglifos galegos, nos que o creador detivo a súa curiosidade pola súa formación matemática. Segundo salientou Xulio Gil houbo un tempo no que esas formas xestionaban a comunicación co trascendente das persoas, pero a chegada doutras relixións fixo que os petróglifos perderan o seu valor relixioso e pasasen a ser espazos míticos e culturais. Coa disposición das fotografías e da propia sala como se fose unha capela, o autor quixo devolverlles o seu valor espiritual.

Na súa aposta expositiva, explicou o creador, tamén influíron os cambios vividos pola arte e a fotografía nas últimas décadas, “nas que se pasou do analóxico ao dixital, da obra única ao concepto e de ser fotógrafos a ser artistas, pois a técnica xa non é o que define a obra”. Nesta transformación, Xosé Enrique Acuña engadiu que a produción artística de Gil foi evolucionando ata converterse no primeiro fotógrafo contemporáneo galego que expuxo a súa obra nun museo, neste caso o de Pontevedra. O comisario, que apuntou a fascinación que os petróglifos espertaron en diferentes creadores galegos ao longo da historia, advertiu que a mostra de Gil tamén pon luz ao misterio que rodea aos petróglifos, unhas veces visibles para as persoas pero outras ocultos.

Por tratarse dunha mostra fotográfica e polas datas de celebración, a exposición Capela de Arcos enmárcase tamén dentro da programación do Outono Fotográfico, polo que o seu creador quixo facer unha especial lembranza a Benito Losada, que foi promotor desta iniciativa e director da Casa da Xuventude de Ourense durante moitos anos. A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 20 de xaneiro.