DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un grupo dirixido por Beatriz Comendador estudará este verán a zona ourensá

O Alto Támega abre aos arqueólogos o seu patrimonio rupestre

Entre as accións a realizar están a análise, o rexistro e a posta en valor dos petróglifos existente

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/07/2013

A zona do Alto Támega, que abrangue Laza, Monterrei, Verín, Oímbra e Castrelo do Val, ten para os arqueólogos un interese especial. Debido á súa configuración xeográfica, marcada entre outros factores por un río que é afluente do Douro, estivo poboada durante a prehistoria recente e desa ocupación aínda se conservan manifestacións rupestres. A pesar desta relevancia, é un enclave practicamente sen estudar. Co obxectivo de emendar esta situación, o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolverá este verán o proxecto Alto Támega: Accións na Paisaxe Patrimonial.

Situar a zona na historia rupestre de Galicia

Trátase dun proxecto interdisciplinar no que participan profesionais pertencentes ao GEAAT e ao Grupo de Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas, contando ademais coa colaboración activa do tecido asociativo cultural da comarca a través da Asociación Cultural Alto Támega e da Sociedade Antropolóxica Galega. “Chegou a hora de pór no mapa da arqueoloxía e da historia galega este enclave tan singular”, destaca sobre a iniciativa Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense e responsable do proxecto.

Con esta finalidade, o proxecto, que ten financiamento do Inorde, contará con catro liñas de actuación. A primeira delas, centrada na paisaxe rupestre, consistirá no estudo, rexistro e posta en valor dos petróglifos da zona, concretamente o do Penedo das Pisadiñas de Laza e o das Covas Rubias de Monterrei. Nesta tarefa, os arqueólogos empregarán metodoloxías de rexistro tridimensional da arte rupestre, realizarán un estudio piloto multidisciplinar sobre as cavidades presentes nas rochas e levarán a cabo a diagnose do seu estado de conservación, valorando parámetros naturais e antrópicos e estimando os riscos e grao de vulnerabilidade ao que están sometidos estes xacementos ourensáns.

Documentación, rexistro e valorización

Os historiadores tamén realizarán unha revisión e estudo territorial dos xacementos da prehistoria recente do val do río Támega, propondo a incorporación de novos enclaves ao inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta e aos catálogos de bens a conservar dos diferentes plans xerais de ordenación municipal dos concellos da comarca. En terceiro lugar, o proxecto inclúe a realización dunha primeira aproximación documental ao estudo do patrimonio industrial xeoloxico-mineiro da zona, especialmente referido ás minas de Arcucelos e Vilameá.

Por ultimo, levarase a cabo a valorización destes recursos mediante accións de dinamización social e cultural na zona, en colaboración coa Asociación Cultural Alto Támega e coa Sociedade Antropolóxica Galega, que están a revitalizar, dinamizar e protexer o patrimonio local. “Aprendemos doutros proxectos arqueolóxicos que para o seu éxito é fundamental contar co apoio e a implicación do tecido asociativo de base das comunidades onde están os xacementos", apunta a decana da Facultade de Historia. Esta iniciativa, explica, insírese polo tanto nun modelo de traballo comunitario, tanto na construción do coñecemento como na súa difusión.

A intervención arqueolóxica estará dirixida por Félix González. O estudo morfométrico das cavidades será realizado pola docente e especialista en paisaxes graníticas Elena de Uña e a diagnose do estado de conservación e estimación de riscos ao que están sometidos os petróglifos correrá a cargo de Iria Sinde. A aproximación documental ao patrimonio xeolóxico e mineiro será coordinada pola docente Beatriz Vaquero. Completan o equipo voluntarios da Facultade de Historia ourensá. Co plan de acción deseñado e co equipo conformado, a primeira fase do proxecto comezará co estudo de campo, que se desenvolverá no Alto Támega durante aproximadamente todo o mes de agosto.