DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado do grao formou hai case un ano a primeira asociación de estudantes do campus

O altofalante con máis volume de Dirección e Xestión Pública

Buscan proxectar a titulación na contorna e xa fixeron visitas a concellos da provincia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 04/12/2012

A piques de rematar o 2012, é bo momento para facer balance dos primeiros meses de andaina. Constituíuse oficialmente en abril e dende entón asume o “incansable” labor a prol da promoción da súa titulación. A primeira asociación de alumnos e alumnas do campus de Pontevedra promovida por estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública cumprirá proximamente un ano de vida e o seu fundador, Alberto Martínez, fai un balance máis que positivo das primeiras accións levadas a cabo para dar a coñecer estes estudos especializados no eido da xestión pública entre a sociedade en xeral e as administracións en particular. “O certo é que levamos feito un montón de cousas e queremos seguir nesta liña”, explica Alberto Martínez, presidente da asociación.

Hai oito meses que os estudantes dotaron de personalidade xurídica á Asociación do Grao en Dirección e Xestión Pública, un organismo sen ánimo de lucro e de competencia autonómica que naceu coa vontade de proxectar esta titulación “moza” en todos os ámbitos institucionais de Galicia e que non para de medrar en número de membros. Entre as súas prioridades está a creación dunha rede de contactos con entes administrativos na que están traballando arreo “co fin de comunicarnos con eles dunha forma máis selectiva”, sinala Martínez que como alumno de último curso do grao comproba que nas bases das convocatorias a postos de traballo da administración pública non contemplan o seu perfil de titulación “cando é un cargo para o que estamos perfectamente capacitados”, lembra. Como presidente da asociación considera fundamental seguir loitando pola visibilidade dos seus estudos “explicándolle ao cidadán que estamos aquí, preparados para desenvolver unha función social”, engade.

Xuntanzas en Marín e Cotobade

Tanto esforzo e dedicación comeza a ter os seus resultados. Un dos seus principais interlocutores son os concellos da contorna “para que nos teñan en conta nas ofertas de emprego”, puntualiza. Xa realizaron algunha que outra visita institucional no que vai de curso acompañados polo coordinador do grao, o profesor Celso Cancela, primeiro a Marín e máis recentemente a Cotobade, localidades nas que foron recibidos polos seus máximos representantes e cos que trazaron futuras colaboracións e a posibilidade de establecer convenios de prácticas. Nestes momentos o alumnado continúa nesta liña estratéxica de “facerse visible” entre os concellos da provincia pero xa ten en mente “dar un salto” e proxectarse en Santiago, capital da administración, “para contactar con Función Pública, explicarlle quen somos e o que sabemos facer”.

Mostras de unión

Semella que a cultura do asociacionismo entre o alumnado universitario non está moi arraigada “pero si que é algo moi positivo e enriquecedor pois o noso compromiso como estudantes vai máis aló de acudir a unhas clases e de pasar uns exames”, reflexiona Alberto Martínez que, que dada a súa formación, si se considera útil e responsable “para dar solucións a problemas reais e reverter na sociedade”. Ademais de axudarlles a proxectar publicamente a súa titulación, os estudantes recoñecen que a asociación tamén fomenta á colaboración e á creación de vínculos entre eles “pois todos nós temos a mesma necesidade e compartimos os mesmos obxectivos e si, somos un grupo moi unido”, conclúe.

Dada a magnitude que está alcanzando a súa rede de actuación, a asociación, co apoio e asesoramento do profesorado do Grao en Dirección e Xestión Pública, está inmersa na construción da súa imaxe corporativa dispondo xa dun prototipo deseñado pola empresa Ovo Publicidade cun símbolo de cor vermella que tenta trasladar os valores de gobernabilidade, liderado, unión ou colaboración, leitmotivs desta titulación.