DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso complementario organizado pola Universidade de Vigo en colaboración coa de Anáhuac-Xalapa

Altos directivos revelan o segredo do seu éxito ás novas xeracións

O programa inclúe encontros con José Luis Pego e Pierre Ianni e unha viaxe a Roma

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 08/09/2011

Consciente da necesidade de formar a futuros executivos achegados á realidade diaria, a Universidade de Vigo colabora coa elite empresarial de Galicia no Curso de Alta Dirección e de Comunicación, que botou a andar este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Organizado pola institución viguesa en colaboración coa Universidade de Anáhuac-Xalapa de México, na súa terceira edición o curso inclúe unha visita a Roma ademais de encontros con directivos da altura de Pierre Ianni ou José Luis Pego, co que puideron almorzar o pasado martes, co obxecto “de aprender das experiencias de profesionais que ocupan postos de responsabilidade”, explica Pedro Pablo Gutiérrez, profesor organizador.

Esta iniciativa nace para responder á necesidade de achegar o mundo da alta dirección, “moi afastado do cotiá”, ao alumnado que está rematando un mestrado. De feito, a maioría dos asistentes son estudantes dos último curso de especialidade da universidade mexicana “que conseguen o seu título final con este curso”, aclara Gutiérrez. Engade ademais que o principal obxectivo de estas dúas semanas de aprendizaxe “é tentar coñecer as funcións dun alto directivo, porque, a pesar de que é algo moi citado, en realidade non sabemos o que fan”. Así, o curso busca impartir “unha imaxe dende dentro” para amosar “que son traballos como calquera outro, pero que necesitan de moita entrega, dedicación, esforzo e dunha gran dose de creatividade”, aclara o profesor.

Viaxe a Roma incluído

Dende este xoves e ata o domingo, as clases trasládanse a Roma, onde os asistentes acoden en primeiro termo á Università di Roma I, La Sapienza, a unha conferencia de Eduarno Salierno sobre a marca e a identidade corporativa da cidade italiana, mentres que o venres visitan a LUMSA Università, onde o catedrático Carlo Cacciavilani afondará na historia de Roma en clave de arte, “achegando unha radiografía sobre como funciona o negocio da arte, tanto dende o punto de vista industrial como cultural”. Tamén haberá tempo para o ocio e para coñecer o Foro Romano, o Coliseo e demais monumentos emblemáticos da cidade.

O pasado martes o grupo reuniuse con José Luis Pego, director xeral de Novacaixagalicia, nun almorzo no que explicou o proceso de bancarización dunha caixa e a directora do aeroporto de Peinador, Noelia Martínez Morato, achegouse á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para “compartir as claves para dirixir un aeroporto”. Para a semana que vén, Arturo Dopico, director xeral de R, tamén visitará o centro, e igualmente serán recibidos por Pierre Ianni, director xeral de PSA Peugeot Citroën Vigo, e por Carlos Mouriño, presidente do Real Club Celta de Vigo. Así mesmo, acudirán ao peirao de carga de Citroën “para vivir de primeira man como se carga un barco, unha experiencia particular e pouco coñecida” e representantes da empresa Servicio Móvil, compartirán cos estudantes o seu modelo de negocio innovador, baseado nas mudanzas exprés, traslado de obras de arte e servizo de arquivos, “de moito interese para aqueles que queiran converterse en emprendedores”.

Pedro Pablo Gutiérrez sinala a necesidade de continuar impartindo este tipo de cursos complementarios nos sistemas universitarios ao alumnado, pois “a formación facilitada pola titulación a cursar xa está garantida polo que nestes momentos debe buscar algo máis que o diferencie, alcanzando unha madurez intelectual á altura da situación”, conclúe o profesor.