DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Beatriz Gregores xa fora premiada recentemente co premio Palabra Pintada ao mellor libro de artista

Unha alumna de BBAA gaña o premio Xuventude Crea de banda deseñada

O seu cómic ‘Ellipsim’ obtén un galardón de 3000 euros neste certame da Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 21/11/2017

Ellipsism, termo que fai referencia “á tristeza de non poder chegar a saber como finaliza unha historia” é o título que a estudante do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes Beatriz Gregores deu o cómic co que vén de proclamarse gañadora do premio Xuventude Crea na categoría de banda deseñada. Dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, ás doce modalidades deste concurso promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia presentáronse un total de 299 proxectos, entre os que se atopa o cómic realizado con medios dixitais que lle valeu a esta alumna un primeiro premio dotado con 3000 euros, que suma ademais ao recoñecemento que hai unhas semanas acadaba nos premios Palabra Pintada, da Fundación Ankaria, onde o libro de artista que elaborou para o seu traballo final no grao en Belas Artes era o distinguido na categoría de novos creadores.

“Este tipo de recoñecementos son de grande importancia á hora de afrontar o duro camiño de artista”, salienta esta estudante de posgrao, quen recoñece que distincións como o Xuventude Crea “impúlsanche a seguir creando historias, a seguir debuxando coa ilusión e as gañas do primeiro día, intentando mellorar e evolucionar”. Aberta á presentación de obras orixinais e inéditas, escritas en galego dun mínimo de dez páxinas, na categoría de banda deseñada destes premios tamén foron seleccionados polo xurado os proxectos Noite meiga, de Zaida Novoa, e A outro lado da auga, de Uxía Larrosa, recoñecidos co segundo e terceiro premio respectivamente.

Do realismo á abstracción

Ellipsism é un proxecto “realizado especificamente para o certame, como homenaxe á persoa que máis me ensinou sobre o mundo do cómic”, sinala Gregores, quen recoñece que, a pesares de sentir desde sempre unha “grande admiración” pola banda deseñada, non foi ata a súa chegada á Facultade de Belas Artes, cando “empecei a ler e compartir cos meus compañeiros diferentes tipos de cómics e fanzines”. De feito, o pasado curso promoveu xunto a Celia Rey e no marco dun traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, un concurso de banda deseñada que deu lugar á exposición A loba da fada, na Casa das Campás. “O cómic é un medio capaz de chegar a todo tipo de persoas, de ensinarlles uns valores ou de simplemente facer que gocen e crezan cos personaxes e as súas aventuras”, salienta esta alumna dunha disciplina para a que é preciso “ser un bo escritor, un bo debuxante e un bo pintor”, así como ser quen “de chegar ao corazón da xente”.

Neste caso, tentouno a través dun cómic de 22 páxinas, realizado por medios dixitais, no que propón un xogo “coas dobres narrativas” e coa relación “entre as viñetas, o diálogo e as personaxes”, que, como explica, “van evolucionando e cambiando segundo vai avanzando unha historia” na que abordan “o duro camiño para chegar ao que se considera ser un adulto”, sinala a autora. Unha historia que Gregores quería que deixase abertas “todas as posibilidades” unha vez pechado o cómic e que tamén amosa unha evolución no propio estilo, que muda “da abstracción máis pura ao realismo, pasando pola caricaturización”, á vez que tamén o fan as propias viñetas, que rachan coa idea de marco e pasan “a ser un personaxe máis da narración”.