DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na VII Edición do Programa de Mozos Líderes Iberoamericanos que promove a Fundación Carolina

Unha alumna de Dereito, seleccionada entre os 60 mellores licenciados iberoamericanos

Rosa Lama, estudante do campus de Ourense, é unha das 10 representantes españolas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 03/06/2008

Rosa Lama, alumna de quinto de Dereito do campus de Ourense levará o nome da Universidade de Vigo por Europa adiante na VII Edición do Programa de Mozos Líderes Iberoamericanos que promove a Fundación Carolina, en colaboración coa Fundación Rafael del Pino e o Banco Santander, e na que estarán presentes os 60 mellores licenciados de Iberoamérica. Cun expediente académico de 3.38 de media, a estudante foi seleccionada entre os 10 mellores candidatos de España e compartirá con 48 americanos e dous portugueses a experiencia de tres semanas de inmersión na realidade española e europea. O obxectivo que persegue o programa non é outro que formar aos líderes do futuro, potenciando as súas cualidades, favorecendo a creación de lazos entre eles e brindándolles un maior e mellor coñecemento do panorama político, empresarial e cultural actual. Precisamente, esta é a finalidade da Fundación Carolina, xurdida no 2000 para promover as relacións culturais e a cooperarión educativa e científica entre España e os países da Comunidade Iberoamericana de Nacións e na que participan actores públicos e privados no seu financiamento, órganos de goberno e actuacións.
A representante ourensá estaba a preparar os derradeiros exames da carreira cando recibiu un email coa noticia. “Non quixen pensar moito no tema no momento porque tiña unha proba ao día seguinte”, comentou Rosa Lama, “e non quero descentrarme porque agora teño a dobre presión de aprobar todo en xuño, requisito indispensable para a bolsa” engadiu. Aínda que quere ser prudente porque non rematou o curso, a moza amosouse ilusionada coa súa selección xa que estar entre os 10 mellores titulados de España e os 60 de Iberoamérica supón para ela “unha gran satisfacción persoal polo recoñecemento a nivel case internacional do meu traballo e por ter a posibilidade de representar á Universidade de Vigo na Fundación Carolina” explicou. De feito, Lama resaltou a importancia que ten dar a coñecer a nosa universidade no exterior “para que se vexa que aquí hai xente moi válida. No meu caso, tiven a posibilidade de escoller entre varios centros pero decidín quedarme en Ourense e non me arrepinto para nada” matizou.
En canto á elección da carreira de Dereito, Rosa Lama explicou que a escolleu por recomendación dunha coñecida, pese a que lle gustaba máis Filoloxía Hispánica. “Aos 18 anos non sabes moi ben o que queres, pero unha amiga da miña nai díxome que comezara en Dereito para probar, xa que tiña moitas saídas laborais, non só a avogacía, e non me foi mal” dixo. Cinco anos despois e a piques de rematar, aínda non ten claro cara onde quere encarrilar o seu futuro. “Agora mesmo estou centrada en acabar e non teño nada decidido, en setembro decidirei pero non teño présa, teño claro que na vida moitas veces te equivocas ao escoller un camiño e que hai que tomalo con calma” explicou.

Unha achega á realidade de España e Portugal

Polo de pronto, entre o 7 e o 24 de xuño a Rosa agárdanlle tres semanas de encontros, reunións, conferencias, seminarios e visitas xunto co resto de participantes, que lles porán en contacto directo cos principais protagonistas do panorama actual que lles darán unha visión de preto da realidade de España e Portugal. “Aínda non se nos revelou o programa pero en anos anteriores coñeceron a xente de grande relevancia como o presidente do Goberno ou aos Príncipes de Asturias” dixo a estudante. O que si está decidido son as cidades que servirán de escenario ao programa na súa sétima edición. Madrid, Sevilla e Lisboa, como portas de conexión entre Iberoamérica e Europa, Bruxelas, como centro da política comunitaria, París e Barcelona, como representantes da elite e a vangarda e Zaragoza, sede da Expo 2008 foron as seleccionadas para o que Lama agarda sexa “unha experiencia que recordarei toda a miña vida e na que espero coñecer a xente de moitos lugares coa que manter o contacto” dixo. De feito, o obxectivo último do programa é crear unha rede interdisciplinar de mozos líderes iberoamericanos conscientes da importancia de fortalecer e potenciar o proceso de integración iberoamericano e a relación destes países con España e Portugal.

Un premio ao esforzo

O recoñecemento que supón a elección de Rosa Lama pola Fundación Carolina premia o seu esforzo ao longo de toda a carreira. “Nunha titulación como Dereito tes que aplicarte porque ou sabes as cousas ou non as sabes” explicou, “eu estudio todos os días e é certo que me privo de moitas cousas pero a miña recompensa son as vacacións de verán, tres meses sen facer nada” explica. De todos os xeitos, “entre as clases, as prácticas e repasar na casa estou sempre dedicada a estudiar, pero nin madrugo moito nin sigo traballando a partir das 10 de noite” puntualiza.
Unha vez remate a recta final dos exames, Rosa Lama abandonará os apuntamentos e os libros e poderá recoller o premio ao seu esforzo que supón contarse entre os licenciados máis destacados a nivel internacional para afondar na realidade e constituírse como unha das líderes do futuro.