DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes estranxeiros participan en coloquios en centros escolares da man de ESN Vigo

O alumnado achega aos colexios a faciana máis internacional do campus

Por primeira vez, esta asociación desenvolve en Pontevedra o seu programa ‘Erasmus in Schools’

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 13/02/2015

“Ter a oportunidade de ir a unha escola galega a conversar cos nenos foi para min un xeito de achegar unha pequena retribución por toda a receptividade da xente desde que cheguei a Pontevedra”, salienta a alumna brasileira Constanza Abdalla tras participar no programa Erasmus in Schools, unha iniciativa da asociación ESN (Erasmus Student Network) Vigo que trata de achegar as experiencias do estudantado internacional aos escolares do municipio. No presente curso esta asociación impulsa por primeira vez no campus pontevedrés unha actividade que busca que o alumnado chegado á cidade grazas aos diferentes programas de mobilidade comparta as súas vivencias con estudantes de colexios ou institutos.

“Polo de agora aqueles que participaron quedaron encantados” recoñece Lucía Baltasar, a coordinadora de Erasmus in Schools en Pontevedra, que incide en que iniciativas como esta, que a asociación xa levou a cabo en Vigo o pasado curso, “non concordan en absoluto con esa idea que algúns poden ter dos erasmus, aos que non imaxinan indo a un colexio a falar con nenos de 10 anos”.

Despois de que, a mediados de xaneiro, ESN Vigo estrease esta actividade no colexio SEK Atlántico de Poio, coa participación de dúas auxiliares de conversación que se atopan este curso residindo en Pontevedra, hai un días desprazábanse ata este mesmo centro os primeiros estudantes do campus en sumarse a esta iniciativa, os nicaraguanos Allan Britton e Fernando Barquero e os brasileiros Vitor Bini e Constanza Abdalla. “Gustoulles moito a experiencia, de feito, algúns xa nos comentaron que querían repetir”, recoñece Baltasar, que incide así mesmo en que o seu obxectivo é “ir rotando aos participantes”, posto que, despois destas primeira visitas, “outros estudantes xa nos comentaron que tamén queren participar”.

Fomentando un intercambio cultural

Aínda que a temática dos coloquios é libre, algo que sempre adoita estar presente nas intervencións dos participantes é o relato “de como era a súa vida no seu país e as diferencias que se atoparon ao chegar aquí”, apunta esta voluntaria da ESN, que tamén participa nestes encontros cos escolares explicándolles en que consisten programas de mobilidade como o Erasmus e o funcionamento desta asociación de apoio ao alumnado estranxeiro.

“A verdade é que me gustou moito este intercambio cultural”, recoñece Constanza Abdalla, que explica que se animou a participar neste programa “porque penso que nós, como estudantes dunha universidade pública, temos un deber social coa comunidade”. Esta alumna de Dirección e Xestión Pública faloulles aos nenos e nenas “das diferentes rexións do Brasil, da gastronomía, da cultura, e tamén do valor da nosa moeda, do noso sistema presidencial...”, e o que obtivo foi unha “gran participación dos nenos, que estiveron moi interesados en todo o estivemos presentando”. Recoñece Abdalla que nenos e nenas amosáronse “moi atentos e curiosos e preguntáronme moitas cousas do Brasil”, o que contribuíu a que a súa visita resultase “unha experiencia moi gratificante”.

Vontade de ampliar escenarios

Explica Lucía Baltasar que, “polo de agora, non temos outra data fixada, pero a nosa idea é repetir e facelo en tantos colexios como poidamos”. Non en van, aínda que desde o SEK Atlántico xa lles trasladaron “que quedaron moi contentos e que lles gustaría repetir a actividade con outros cursos”, a vontade de ESN é que esta iniciativa poida trasladarse tamén a outros colexios de Pontevedra nos próximos meses.