DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario promovido pola Facultade de Dirección e Xestión Pública

O alumnado achégase ao labor de intermediarios entre administracións e cidadanía dos xestores públicos

A actividade insírese nun convenio co colexio profesional de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 01/06/2022

“Os xestores administrativos somos os intermediarios entre as administracións e as empresas, os autónomos e a cidadanía en cuestións ligadas a todos os aspectos do noso día a día”. Deste xeito presentaba o presidente do Consejo General de Colegios de Gestores Administrativos de España, Fernando J. Santiago, a profesión que este mércores centrou un seminario promovido pola Facultade de Dirección e Xestión Pública, coa colaboración do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, a empresa Siga e a delegación de estudantes. Enmarcado no convenio de colaboración que a Universidade de Vigo asinou o pasado ano co colexio autonómico, este seminario centrouse en primeiro termo en dar a coñecer o alumnado as características dunha profesión que require da superación dunhas probas de acceso para as que os graduados e graduadas en Dirección e Xestión Pública están habilitados desde 2015. Posteriormente, a actividade completouse cun taller sobre as aplicacións informáticas que empregan estes profesionais, impartido por persoal de Siga.

“A Universidade ten que conectarse co ámbito profesional cada vez máis e coñecer en que consiste a xestión administrativa é fundamental para un grao como Dirección e Xestión Pública”, salientou o decano comisario da futura facultade, Enrique Varela, na inauguración deste Seminario de empregabilidade DXP, na que estivo acompañado por Fernando Santiago, tamén presidente de Siga, e pola presidenta do colexio autonómico, Pilar Otero. “As administracións públicas non traballan soas, traballan intemediadas con outros axentes públicos, profesionais, con organizacións do terceiro sector....”, engadiu Varela, que subliñou que para ofrecer servizos á cidadanía e preciso aliarse e que, nese obxectivo, “os xestores administrativos son fundamentais”. 

No lado contrario, Santiago destacou o valor que teñen titulacións como este grao á hora de obter “un coñecemento xeral do que é o funcionamento e a xestión pública”, que sirva para sentar “as bases” que logo permitirán desenvolver esta profesión, á vez que se amosou partidario de que o acceso a esta se realice nun futuro a través dun mestrado habilitante. “Para os xestores é realmente moi importante non perder os vínculos coa universidade”, engadiu Pilar Otero, que lembrou que este seminario é unha das primeiras actividades desenvolvidas ao abeiro dun convenio asinado en 2021 coa UVigo, co obxectivo de establecer sinerxías e desenvolver accións conxuntas, tanto no ámbito académico, como no apoio a investigadores e estudantes ou no intercambio de publicacións e traballos, entre outros.

Unha profesión esencial durante a pandemia

Tras a inauguración, o seminario abriuse cunha presentación dirixida a dar a coñecer ao alumnado as canles de acceso a “unha profesión descoñecida”, como a definiu Santiago Ollero, pero que “realiza máis de 50 millóns de trámites ao ano" e cuxo labor “permite que a administración e o sector privado funcionen”. Para pór de relevo a relevancia dos xestores e xestoras, o presidente do consello xeral lembrou a situación vivida no inicio da pandemia, en marzo de 2020, cando foron incluídos dentro das “profesións esenciais” que debían manter o seu labor durante confinamento. Durante este período, lembrou como exemplo, as xestorías realizaron os trámites de preto do 70% dos ERTE aprobados nos primeiros meses de pandemia. 

A actividade completouse cun taller sobre aplicacións informáticas a cargo de Siga, unha empresa pontevedresa que, como lembrou Varela, constitúe o “back office de todos os xestores de España”. Este taller permitiu ao alumnado iniciarse no manexo das ferramentas que, como engadiu Santiago, xestores de toda España empregan diariamente “cada vez que se matricula un coche ou cada vez que se realiza un contrato de traballo ou unha alta na seguridade social de forma telemática”.