DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes de 3M España achegáronse ao campus para participar nunha xornada do centro

O alumnado de Aeroespacial coñece como unha gran multinacional desenvolve produtos para o sector aeronáutico

Explicaron o traballo que realizan para Airbus e empresas relacionadas como Coasa

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/11/2018

Co obxectivo de que o seu alumnado se familiarice co sector no que se desenvolverá profesionalmente cando remate os seus estudos, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense leva a cabo cada curso académico diferentes iniciativas que dun xeito ou outro permiten o contacto directo dos seus estudantes con profesionais ou expertos de diferentes áreas. No marco desta liña de traballo, este mércores o centro organizou unha xornada na que representantes en España da área de aeroespacial da multinacional 3M explicaron ás persoas asistentes o traballo que realizan para grandes compañías como Airbus e Coasa.   

Contas clave

Alicia Ortega, responsable de grandes contas do sector aeronáutico en España de 3M, salientou antes do inicio da xornada como “a nosa intención hoxe aquí é presentar aos estudantes un exemplo práctico de actividade no sector aeronáutico dunha empresa como a nosa, que é unha multinacional con diferentes áreas de traballo, entre as que está a aeronáutica”. Segundo afirmou, “queremos amosar a vida real neste sector a rapaces e rapazas que van saír ao remate dos seus estudos ao mundo real, que vexan que hai moitas opcións, non só as máis obvias, que hai moitas posibilidades no sector que poden contemplar”. Neste senso, sobre a posta en marcha dunha Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense salientou como o valora como “fantástico” xa que, afirmou, “a aeronáutica é unha industria que está medrando moito en España e fai falta xente nova e formada que se dedique a isto”.

Sobre a súa empresa, Alicia Ortega comentou como a nivel mundial 3M conta cuns 90.000 empregados e empregadas en máis de 80 países, 70 laboratorios de I+D tanto de desenvolvemento puro como de aplicacións, 50 centros tecnolóxicos e cinco áreas de negocio. A parte de aeroespacial, indicou, está dentro da área de industria. “É unha parte relativamente pequena do total da compañía pero é un negocio moi estratéxico para nós”, afirmou. Así, lembrou como a multinacional leva “máis de 100 anos traballando no sector, xurdido en Estados Unidos, e 50 ou 60 anos en Europa”, desenvolvendo desde entón produtos, algúns dos cales, apuntou, “aínda se usan hoxe en día”.

Nos últimos 10 ou 15 anos, comentou Alicia Ortega, a multinacional desenvolve na súa área de aeronáutica unha aproximación máis centrada en “contas clave”, nos clientes do sector aeronáutico. Así, destacou, na actualidade “o noso principal cliente é Airbus e toda a industria que hai ao seu redor”, citando como Coasa é tamén un dos seus clientes principais. “Traballamos con eles na contorna das grandes contas. É dicir, cun equipo especializado da compañía que traballa esa gran conta que é Airbus e as súas empresas asociadas”, afirmou. Con estes clientes, describiu, 3M desenvolve fundamentalmente “tecnoloxía adhesiva en todas as súas acepcións”, adhesivos adaptados ás necesidades do sector para a fabricación de pezas de fibra de carbono.

Produtos, aplicacións e retos

Carolina Martín, enxeñeira en aplicacións para aeronáutica de 3M, foi a encargade de deterse na presentación nos produtos que ten 3M para aeronáutica e as súas aplicacións. “Hai adhesivos estruturais para a ensamblaxe de partes metálicas, produtos para facer empalmes de núcleos de niño de abella tanto para interiores como para fuselaxe. Temos cintas de protección para o exterior, como os bordes de ataque, e logo consumibles que axudan na montaxe e na reparación, como abrasivos, cintas de enmascarar, cintas especiais de fibra de vidro, de aluminio, etc”, comentou antes da súa intervención a enxeñeira.

Sobre o traballo que realizan, Carolina Martín tamén subliñou como “3M traballa moi preto de Airbus, entón as necesidades en canto a produtos ou aplicacións novas van moi dan man deles, pídennos novidades e nós axudámoslle a conseguir o que necesitan”. Así, detallou, desenvolven produtos específicos para Airbus, traballando con eles durante os tres ou catro anos que dura o desenvolvemento dun produto ata conseguir “o produto óptimo” que lles pediron. “Partimos da base de algo coñecido e vamos mellorando, cambiando propiedades, etc”, explicou ao alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo presente. A estes futuros e futuras profesionais do sector, a enxeñeira en aplicacións para aeronáutica de 3M tamén lles quixo salientar como o traballo que realizan “é realmente moi bonito” por canto teñen o  obxectivo de, nun sector que se caracteriza pola innovación, afrontar o reto continuo de mellorar produtos e aplicacións.