DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centos de estudantes manifestáronse polas rúas clamando consignas contra as medidas de axuste do Gob

O alumnado alza a voz contra os recortes en educación

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 10/05/2012
Coincidindo coa xornada de folga varios centenares de estudantes de ensinanza media e universitaria manifestáronse este mediodía nas diferentes cidades galegas en contra das medidas de axuste do gasto en educación anunciadas polo Goberno central. Convocados por diferentes asociacións estudantís e unidos baixo o lema “Non aos recortes na ensinanza pública”, as responsables en Vigo dos Comités e da Liga Estudantíl Galega, Rocío Barreiro e Beatriz Fariñas, valoraron como "moi alta" a participación do alumnado universitario vigués nesta xornada de protesta.

"Non á suba de taxas universitarias!" e "O ensino é un dereito e non un privilexio!" foron as consignas que máis se escoitaron nas diferentes manifestacións. En Vigo os participantes na marcha, que comezou ás 12.00 horas na Praza de América e rematou fronte ao Museo de Arte Contemporáneo na rúa Príncipe, destacaron a necesidade de unir forzas xa que“estamos vivindo un intre crítico e só uníndonos todos, incluíndo estudantes e traballadores poderemos dar un paso adiante” subliñou Beatriz Fariñas que explicou que con este acto daban tamén por finalizado o peche iniciado o pasado domingo na biblioteca da Escola de Enxeñaría Industrial en Torrecedeira como medida de protesta pola subida das taxas.Tras a lectura do manifesto e a intervención dos representantes do Sindicato de Estudantes e da Asemblea de Estudantes de Coia, o himno galego puxo o punto final a xornada de mobilización de hoxe, pero desde Comités subliñaron que “este foi o primeiro mais non o último dos actos que fagamos para impedir a suba das taxas universitarias”.

Ao rexeitamento ao incremento nos prezos das matrículas universitarias uniuse tamén a protesta polo endurecemento dos requisitos para obter as bolsas do Ministerio de Educación, pois a partires de agora os beneficiarios terán que aprobar entre o 90 e o 100% das materias para poder conservala, “sen esquecernos tamén da redución da oferta docente no ensino medio e das prazas de profesorado”, subliñaba un estudante do Instituto Santa Irene de Vigo que acudiu á manifestación acompañado por numerosos compañeiros.

Entre os asistentes á marcha estiveron membros de diferentes organizacións estudiantís, xuvenís e da Plataforma Galega polo Ensino Público, e representantes sindicais e de partidos políticos, coma os secretarios comarcais de CIG, Serafín Otero; UGT,Antonio Juste, e CCOO, José Cameselle; o portavoz municipal do BNG, Santiago Domínguez, o concelleiro nacionalista Xabier Alonso e o deputado, tamén do Bloque, Henrique Viétez.

O ensino 'non é unha mercadoría', advirten en Ourense

Na cidade das Burgas a fotografía foi similar a que se viviu en Vigo e as mensaxes idénticas: “o ensino non é unha mercadoría”, “nos momentos de crise é cando hai que apostar máis pola educación” ou “co pretexto da crise estase a golpear á educación pública”. “Esta reforma o que vai provocar é que só estuden os fillos de ricos e isto non o podemos permitir, a educación é un dereito de todos e todas”, salienta Iago Gómez, responsable dos Comités na cidade das Burgas.

Concentrados fronte á Delegación de Educación, moitos dos participantes acudiran previamente ás protestas organizadas polos recortes en sanidade “e ao rematar iremos a Bankia como crítica ao feito de que o goberno destinará 10.000 millóns a esta entidade, cifra que coincide cos recortes realizados en educación e benestar”, salientaba un dos participantes.