DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrouse este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Alumnado e axentes sociais participan nunha xornada sobre a violencia e o acoso nas relacións laborais

Promovida polo Consello Galego de RRLL para presentar o Protocolo contra o acoso sexual e laboral

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
M. Del Río DUVI 10/11/2022

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu este xoves unha xornada organizada polo Consello Galego de Relación Laborais para analizar dende diferentes perspectivas a violencia e o acoso nas relacións laborais. Nela, estudantes, representantes de organizacións empresariais e sindicais e profesionais do dereito e da inspección de traballo debateron “de forma ampla o tema da violencia e acoso na contorna laboral, tanto dende unha perspectiva doutrinal como xurisprudencial e preventiva”, como explica a profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, unha das organizadoras e poñentes deste evento. Así mesmo, engade “a sempre necesaria intervención dos axentes sociais dota á xornada dun valor engadido”. 

A xornada serviu tamén para presentar o novo Protocolo contra o acoso sexual e laboral por razón de sexo e identidade nos centros de traballo, “froito do esforzo das organizacións integrantes da Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva”, como apuntaba no acto de apertura a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández. A finalidade deste novo texto é “ofrecer unha ferramenta útil co valor engadido de que conta co imprescindible consenso nunha materia que require tantos coñecementos de carácter técnico como tamén gran sensibilidade na súa aplicación posterior”. Para visibilizar o texto, o consello está a organizar unha serie de actividades por todas as provincias galegas, entre as que se enmarca a xornada deste xoves no campus de Vigo.

Un protocolo nacido do consenso

No acto de apertura da xornada participou o decano de Ciencias Xurídicas e do Traballo,  Francisco Torres, que agradeceu á Área de Dereito Laboral da facultade, “pioneira en investigación a nivel nacional”, e ao Consello Galego de RRLL a organización deste evento. Antía Sández, pola súa banda, fixo fincapé en que “nos espazos laborais resulta especialmente necesaria a adopción de medidas dirixidas a garantir a igualdade de trato e non discriminación, a liberdade sexual e a integridade física e moral, tal e como poñen de manifesto as últimas novidades normativas (Lei Orgánica 10/2022, de garantía integral da liberdade sexual, e Lei 15/2022, integral para a igualdade de trato e non discriminación), así como o Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo sobre a eliminación da violencia e o acoso no mundo do traballo, recentemente ratificado por España”. É neste contexto no que o Consello Galego de Relacións Laborais presenta este protocolo, que segundo Sández “ten como valor diferencial o seu carácter consensuado”, froito do traballo de todos os membros da Comisión consultiva, que chegaron a un acordo “para propoñer un texto que conta co beneplácito de todas as partes da relación laboral”.  Salientou que se trata “dunha ferramenta absolutamente necesaria, aínda que non suficiente para acadar os obxectivos nesta materia, xa que vivimos unha constante evolución”. A este respecto remarcou a importancia da formación e a utilidade de actividades coma esta, xa que “só con profesionais altamente cualificados poderemos facer fronte aos desafíos que vaian xurdindo”.

A presentación do protocolo correu a cargo dos axentes sociais, con intervencións de representantes da CIG, CCOO de Galicia e UGT-Galicia así como da Confederación de Empresarios de Galicia.  O documento ten como finalidade facilitar a empresarios e traballadores unha ferramenta para previr o acoso na empresa, en calquera das súas modalidades, e establecer un procedemento común de actuación ante esas situacións. Así, márcanse obxectivos como formar, informar, sensibilizar e concienciar as persoas traballadoras; definir medidas preventivas; establecer procedementos claros e precisos para tratar estas situacións de forma efectiva e integral unha vez que se produzan ou garantir a aplicación das medidas que en cada caso procedan para a protección das vítimas.

Ademais da presentación do documento, a xornada contou coas intervencións da profesora Rosa Rodríguez, que abordou os retos sobre o acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade nos centros de traballo e de Raquel Naveiro, maxistrada da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se centrou nas novidades xudiciais nesta materia.

A encargada de pechar a xornada foi Paula Rodríguez Lorenzo, inspectora de traballo e da seguridade social e xefa da Unidade Especializada en Seguridade e Saúde Laboral da provincia de Pontevedra, que explicou o papel da inspección de traballo en materia de acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade.