DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presentador de 'Órbita Laika' foi presentado pola vicerreitora Natalia Caparrini 

Alumnado de Bacharelato redescobre no campus as matemáticas con Eduardo Sáenz de Cabezón    

Nun relatorio organizado por tres IES de Vigo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI 11/02/2022

Estudantes de 1º e 2º de Bacharelato dos IES Alexandre Bóveda, Carlos Casares e República Oriental do Uruguai de Vigo tiveron ocasión este mediodía de achegarse dun xeito diferente ao mundo das matemáticas a través da experiencia e o punto de vista do docente e divulgador científico Eduardo Sáenz de Cabezón. O presentador do programa de TVE Órbita Laika rememorou ante o alumnado dos IES como foi o seu achegamento ao mundo das matemáticas a través da informática, materia da que é docente, concretamente de Linguaxes e Sistemas Informáticos, na Universidad de La Rioja. O autor de El árbol de Emmy centrou boa parte do seu relatorio na protagonista do seu libro, a matemática Emmy Noether, “unha das persoas na que é mais evidente a distancia entre os logros científicos que acadou e o recoñecemento que obtivo”, dixo o divulgador. No seu libro, Sáenz de Cabezón pon en valor a figura dunha muller, xudía e matemática na Alemaña do primeiro terzo do século XX, a quen Albert Einstein consideraba un xenio e que, a pesar de continuar sendo unha descoñecida en moitos ámbitos, foi finalmente catalogada como unha das matemáticas máis importantes da historia e unha das científicas máis destacadas de todos os tempos. 

O relatorio do presentador de Órbita Laika foi organizado polos tres IES, cuxo alumnado se deu cita este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, foi a encargada de dar a benvida ás alumnas e alumnos de bacharelato nun 11 de febreiro no que se celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e no que Caparrrini lamentou que só un 25% do alumnado das carreiras tecnolóxicas sexan mulleres, que dixo “poden chegar e conseguir todo o que queiran”.