DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O pedagogo da ONCE Xaime Toxo impartiu un relatorio sobre o proceso de aprendizaxe dos invidentes

O alumnado de Belas Artes creará obras para persoas cegas

Esta iniciativa impulsada pola delegación de estudantes pecharase coa organización dunha exposición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 12/03/2015

“A cultura, como compoñente simbólico, é unha parte fundamental da persoa”, salienta o profesor e pedagogo da ONCE Xaime Toxo, que este xoves participou na Facultade de Belas Artes no inicio dunha iniciativa que pretende achegar a creación artística ás persoas invidentes. Unha iniciativa impulsada pola Delegación de Alumnado, que convida ao estudantado a crear obras de arte especificamente pensadas para persoas cegas, coa idea final de organizar unha exposición colectiva. Nesta liña comezará a traballar nas próximas semanas o estudantado de primeiro curso, baixo a coordinación da profesora Isabel Rueda, aínda que se trata dunha proposta aberta a todo o alumnado do centro.

“Como delegación, un dos nosos principais obxectivos é facer que a facultade se achegue á cidade, e con ese obxectivo propoñemos facer unha exposición pensada expresamente para persoas invidentes”, salienta a delegada de alumnado Pilar Picas, que hoxe acompañou á profesora Isabel Rueda e á vicedecana Silvia García na presentación do relatorio no que Xaime Toxo tratou de achegar máis ao alumnado á realidade deste colectivo. Non en van, para acometer unha iniciativa deste tipo “requírese dunha formación específica previa”, como destacou García, que incidiu na boa acollida que o centro formativo da ONCE en Pontevedra brindou a esta proposta.

Da escultura a outras disciplinas

A proposta da delegación foi trasladada en primeiro termo á docente Isabel Rueda, a quen lle pareceu “unha experiencia moi interesante” e decidiu “propoñela como exercicio de clase” na materia Técnicas escultóricas, na que o alumnado de primeiro curso “ten que experimentar cos materiais, polo que está iniciativa lles permitirá afondar moito máis na maneira na que podes ou non levar os materiais a un contexto determinado”, relatou.

Nese senso, o propio Xaime Toxo recoñeceu que a escultura, polos seus volumes “é quizais a obra artística máis acaída para unha persoa cega”, mais isto non significa que o proxecto vaia limitarse a esta disciplina. Trátase dunha iniciativa “aberta a calquera que queira participar e non só cunha escultura, “tamén poden ser gravados ou unha intervención no espazo...”, subliña a reprsentante do alumnado.

Serán finalmente as “características do espazo e dun proxecto común”, as que determinen que obras realizadas polo alumnado formarán parte da exposición que está previsto levar a cabo no centro da ONCE na cidade ao remate do presente curso. “A idea é facela en xuño ou xullo e despois trasladala tamén a unha sala da cidade, coa idea de que a xente poida visitala ou ben a escuras ou ben cos ollos tapados”, engade Picas.

Descubrindo o mundo a través do tacto

Partindo da súa propia experiencia como profesor con nenos e nenas cegos, Xaime Toxo achegou no seu relatorio ao alumnado a idea da “percepción táctil”, deténdose nos “pasos que dan as persoas desde que nacen ata que adquiren as habilidades suficientes como para recoñecer obxectos a través do que chamamos tacto activo”. Non en van, como salientou este pedagogo “a fase innata de aprendizaxe que os nenos realizan a través da imitación e dos estímulos que proceden do exterior ten unha serie de carencias, loxicamente, ao non haber vista”. De aí a importancia dos “adestramentos cos que intentamos compensar esas carencias” e que permiten aos cativos desenvolver “un tacto perceptivo, co que tratamos de que, ao tempo que van descubrindo a realidade, isto lles sirva tamén como unha aprendizaxe”.

Toxo recoñeceu que existen a día de hoxe “moi poucas experiencias” dun labor artístico pensado especificamente para persoas cegas, aínda que tamén sostivo en que “na medida en que se comezan a facer cousas, vanse derrubando barreiras, polo que a barreira de acceso á arte por parte das persoas cegas tamén se está a romper ”.