DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas ‘Espazo público como contorna para a creación’ remataron con intervencións no exterior

Alumnado de Belas Artes decora as rúas de Pontevedra

Crearon 15 obras que se fusionaban coa natureza ou co mobiliario urbano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 05/12/2011

As rúas pontevedresas volveron sacarlle proveito ao talento da Facultade de Belas Artes. Desta vez, os 15 alumnos e alumnas das xornadas O espazo público como contorna para a creación, dirixidas pola profesora Mónica Ortúzar, saíron das aulas para levar a cabo cadansúa intervención no exterior co fin de transformar o espazo público en arte. Tras unha primeira proposta teórica no taller, os artistas desenvolveron unha gran variedade de ideas, entre as que destacan a customización realizada á escultura Fiel Contraste, situada detrás da Casa Consistorial de Pontevedra; as follas de papel nas camelias da contorna da Alameda ou os círculos coloridos pegados no cilindro metálico da saída de gases do aparcadoiro subterráneo da praza de España. “A maior parte dos participantes fixeron varios traballos diferentes que foron quedando na rúa á intemperie e que chamaron moito a atención dos viandantes”, explicou Ortúzar.

Dende os seu inicio, o encontro puxo especial énfase na participación activa do alumnado para aproveitar as oportunidades “que achega a contorna que nos rodea”, engadiu a profesora. Este interese de empregar as rúas como espazo expositivo deriva da situación económica actual, xa que museos e galerías non contan co orzamento suficiente para acoller todas as propostas artísticas, “de aí que moitos creadores tendan na actualidade a traballar na rúa e a facer propostas adaptadas ao exterior, pondo moi de moda este movemento”. Esta arte na rúa coñécese co nome de site-specific, baseada en crear unha obra destinada a existir nun determinado ambiente na que o artista “se alimenta da propia contorna” e acostuma a combinar paisaxes con elementos escultóricos ou arquitectónicos, entre outros.