DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun taller impartido polo coreógrafo Javier Martín no marco do ciclo 'Danza Pontevedra'

O alumnado de Belas Artes explora as posibilidades expresivas da danza contemporánea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Ourense 12/04/2023

“Comprender as relacións entre as sensacións físicas e as linguaxes que empregamos, entre o corpo, a súa materialidade e os procesos que median na conciencia que temos do mesmo”. Esta idea constituía o eixe central do taller Laboratorio Soma, que ao longo da mañá deste mércores reuniu no escenario do Pazo da Cultura o coreógrafo Javier Martín co alumnado da Facultade de Belas Artes. O seminario insírese na programación de actividades paralelas do ciclo Danza Pontevedra, impulsado pola Concellería de Cultura e no que a programación de diferentes espectáculos se ve complementada por talleres ou relatorios. 

Na primeira xornada desta programación levouse a cabo un taller dirixido ao alumnado da materia Artes afíns, do Grao en Belas Artes, aínda que aberto tamén ao público. A experimentación dunha serie de conceptos, técnicas e exercicios para acompañar e afinar a percepción e comprender esas relacións “entre as sensacións físicas e as linguaxes que empregamos” foron nese senso a base das diferentes actividades propostas por Martín ao longo das catro horas dun taller que permite ampliar o achegamento a diferentes disciplinas artísticas que o alumnado leva a cabo nunha materia coordinada polos profesores Ignacio Barcia e Silvia García. “Javier Martín fai actividades de mediación para o público e para nós unha taller práctico coma este é unha moi boa oportunidade para afondar no que supón a danza máis aló dunha clase teórica”, sinala García respecto dun seminario impartido por un coreógrafo que combina na súa traxectoria o desenvolvemento de espectáculos, tanto para teatros e salas como para espazos non convencionais, co seu labor como investigador en torno ás artes do movemento.