DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cadros feitos en obradoiros de voluntariado conforman a mostra 'CapacitArte'

O alumnado de Belas Artes fomenta o lado máis creativo das persoas con discapacidade

Desde 2011, esta facultade organiza talleres de artes plásticas con diferentes colectivos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 10/01/2014

No marco do programa de voluntariado da Universidade, un total de 19 alumnos e alumnas de Belas Artes desenvolveron ao longo dos últimos dous anos unha serie de obradoiros de artes plásticas en Vigo e Cangas con diferentes colectivos de persoas con discapacidade. Esta iniciativa tiña como principal obxectivo “potenciar a sensibilidade creativa que todo o mundo leva dentro”, como explicou a súa coordinadora, Loreto Blanco, profesora do Departamento de Pintura e comisaria de CapacitArte, a exposición conformada por unha escolma de obras elaboradas nestes obradoiros que foi inaugurada este venres na Galería Sargadelos de Pontevedra.

Foi a raíz dun convenio asinado no ano 2011 entre a Universidade e a Plataforma de Accesibilidade Solidaria de Vigo (Pasovigo) cando se puxeron en funcionamento unha serie de obradoiros de pintura, debuxo e escultura con cinco das asociacións de atención a persoas con discapacidade que integran este colectivo; a asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra Aspanaex, a asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Vigo Aspavi, a asociación de axuda ao enfermo mental Doa e a asociación de familias de persoas con parálise cerebral Apamp. De impartilos responsabilizáronse un total de 19 alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes que viviron “nestes centros, a súa primeira experiencia pedagóxica, na que aprenderon tamén moito a nivel humano”, destacou Loreto Blanco. Gratificante resultou tamén esta iniciativa para as persoas participantes nestes talleres, que “seguramente non se imaxinaran que podían ter tantas capacidades a nivel creativo e ás que se lles abre un mundo ao ver que o que fan pode ter un resultado final que amosar ao público”, salientou neste acto inaugural Concepción Somoza, xerente da Apamp e representante de Pasovigo.

Interrelación da facultade co tecido social

Ata o 30 de xaneiro, poderanse contemplar na Galería Sargadelos unha vintena de cadros realizados polos participantes nestes obradoiros, que constitúen unha pequena escolma do traballo desenvolvido ao longo dos dous últimos anos nuns talleres dunha extensión mínima de seis semanas e que partían dun proxecto pedagóxico presentado polos propios estudantes. Varias das alumnas participantes neste programa e dos autores e autoras das pinturas e debuxos que conforman esta mostra non faltaron este venres ao acto inaugural de CapacitArte, no que tamén participaron Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra; Juan Carlos Meana, decano de Belas Artes; Marta Iglesias, deputada provincial; e Leopoldo Robla, presidente da asociación Doa.

Na intervención inaugural desta mostra, Antonia Blanco quixo efectuar un “agradecemento especial á implicación da Facultade Belas Artes, que foi das primeiras da Universidade en traballar no campo do voluntariado” con proxectos que entende que permiten á cidadanía “rachar con esa idea de que a xente nova non se implica coa sociedade”. Neses mesmos valores incidiu tamén Juan Carlos Meana, quen recalcou a vontade de Belas Artes de “manter unha interrelación continúa co tecido social e abrirse todo o posible á cidadanía, que é para a que traballamos”. De aí que salientase o bo funcionamento que está a ter o programa que deu pé a esta exposición, xa que ademais de servir ao alumnado como “unha plataforma coa que poñer en práctica todo o que aprenderon, tamén fomenta un achegamento humano que permite que ese lado máis sensible da arte tamén se poida desenvolver”.