DUVI

Diario da Universidade de Vigo

16 establecementos da cidade acollen os traballos da exposición colectiva ‘Red dot’

Alumnado de Belas Artes leva a súa obra aos escaparates dos comercios de Pontevedra

A estudante Antía Rivas organiza esta iniciativa, na que as creacións se amosan a modo de carteis

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 27/01/2014

Un punto vermello como único sinal identificador é o que diferenza as obras dun grupo de alumnos e alumnas de Belas Artes da publicidade ou da decoración dos escaparates dos 16 comercios de Pontevedra que participan na exposición Red dot. Organizada pola estudante Antía Rivas como un traballo para a materia Xestión, Ámbito Artístico e Mundo Cultural, que imparte o profesor Xosé Manuel Buxán, esta mostra colectiva preséntase como unha fórmula alternativa para amosar á cidadanía o traballo do alumnado da facultade, que exhibe as súas obras a modo de carteis nos escaparates ou no interior dos comercios participantes.

Co obxectivo de que o estudantado puidese “reflexionar sobre outras liñas de traballo, non como artista senón como aquel que se atopa detrás da obra”, Buxán instou ao alumnado desta materia a desenvolver unha acción cultural, que lles obrigase tanto “a pensar unha actividade como a ver o xeito de facela realidade”. Unha das opcións á que máis estudantes recorreron foi á organización de exposicións, como a que Rivas levou fóra do ámbito universitario co obxectivo de “achegar as obras á cidade”.

“Desde o principio tiven claro que quería desmarcarme un pouco das exposicións ao uso”, engade esta alumna, que se decantou por seleccionar as creacións dun grupo de compañeiros que “traballan con técnicas de fácil reprodución, como a fotografía, o debuxo dixital ou o collage” coa idea de facer impresións dos seus traballos e exhibilas nos comercios “como se fosen carteis”. “É un xeito alternativo de amosar os traballos que se fan na facultade”, afirma Rivas, que colocou un punto vermello cos datos da obra e do autor ou autora como símbolo identificador de cada un destes carteis, que se exhiben tanto na porta ou no escaparate como no interior dos comercios participantes. Así mesmo, elaborou como complemento da iniciativa un pequeno mapa, que se distribuíu polos establecementos participantes, no que se sinala a localización dos diferentes negocios que participan nunha exposición que se estenderá ata 30 de xaneiro.

Arte accesible á cidadanía

“É unha maneira de unir á facultade coa cidade, de amosar dunha maneira accesible o que se fai dentro da Universidade”, apunta Judith Cerqueiro, unha das participantes nesta exposición, que ve como “unha oportunidade de dar a coñecer a artistas emerxentes que se están formando”. Esta estudante, cuxos traballos se poden ver en El Precio Justo e Ernesto Filgueira, considera tamén que iniciativas como esta supoñen tamén un modo “de dar apoio ao pequeno comercio”, polo que considera que a idea sobre a que xira Red dot “pode perdurar no tempo”. De feito, a organizadora desta exposición recoñece a boa acollida que amosaron os establecementos participantes á súa proposta. “Nalgúns casos deixámoslles unha folla explicativa previamente, noutros fomos directamente cos carteis e, en xeral, amosáronse moi interesados en participar”, relata.

“A iniciativa está moi ben, é outra forma de expoñer, que che permite chegar a todo o mundo, e que beneficia tanto ao artista como ao comercio en si”, engade Sandro Kevin González, que participa nesta exposición con dúas obras de arte dixital. “Nalgúns casos, as pezas teñen máis relación coa estética do comercio e noutros hai un maior contraste, pero penso que calquera das dúas perspectivas é interesante”, engade González, cuxos traballos se exhiben na Papelería Cao e en Alfonso Sastre.

Un total de 16 obras conforman esta exposición, na que tamén participan La Casa Winchester e a Libraría Metáfora, onde se amosan as creacións de Raquel Rodríguez; a boutique Isabel e a tenda de comercio xusto Amarante Setem, nas que se exhiben as obras de Miguel Trassierra baixo o pseudónimo de Trassi Wolf. Tamén forman parte desta exposición os debuxos de Gabriel Gallego, Gab Roses, que se atopan en Playground Store e na Libraría Cao; as fotografías de Laura Pego que se poden ver na Droguería Moderna e na Farmacia Estebán e as imaxes de Olalla Rodríguez, Olalla Esquimal, expostas na Ferraxería Varela e noutra das tendas de Ernesto Filgueira. Red dot complétase cos collages asinados por Amelia Potro Galáctica, “un personaxe ficticio creado por varios estudantes”, explica Rivas, que se poden ver en Carnaby e na Ecotenda Terra Alternativa.