DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Museo Manuel Torres acolle a mostra ‘Cuerpo’ e a sede de Adicam a colectiva ‘Emerxentes’ 

O alumnado de Belas Artes proxecta as súas creacións en Marín e Cangas

Trátase de iniciativas xurdidas como un traballo académico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/01/2019

Unha mostra colectiva que reúne unha serie de obras realizadas por nove estudantes e egresados da Facultade de Belas Artes, que xiran todas elas arredor do concepto do corpo, e outra que reúne unha serie de obras pictóricas de diferentes temáticas cun denominador común, que se trata da primeira peza que todas e todas e todos os participantes na mostra presentan nunha exposición. Estas son os eixos das dúas mostras colectivas impulsadas neste mes de xaneiro no Museo Municipal Manuel Torres de Marín e na sede da Asociación de diagnosticadas de cancro de mama Adicam en Cangas, respectivamente, por estudantes da Facultade de Belas Artes, en ambos casos como traballos para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo cultural, que imparte o profesor Xosé Manuel Buxán.

Estudantes e pintoras afeccionadas, na súa primeira exposición

Samuel Costas, José Castro e Francisco Criado son os tres alumnos que exercen como comisarios de Emerxentes, a exposición de debuxo e pintura que ata finais de mes pode verse na Casa da Bola, en Cangas, e que xunto ás súas propias creacións, reúne a as obras de sete afeccionadas a pintura de diferentes xeracións para as que, ao igual que para os impulsores, Emerxentes supuña a primeira participación nunha exposición. “A finalidade desta exposición é dar a coñecer o talento de artistas emerxentes”, sinalan os impulsores dunha mostra de pintura figurativa que reúne once pezas de diferentes técnicas, como óleo ou a acuarela, e tamén de diferentes temáticas, desde os bodegóns, os retratos e as paisaxes á crítica social. Ana María Camacho, María Luisa Formoso, María Jesús Prado, Rosana Méndez, Ekaterina Cereijo, Ana María Alonso e María Camba, sete mulleres “afeccionadas á pintura”, achegan as súas creacións a unha mostra na que tamén presentan as súas creacións os tres comisarios. “Un dos requisitos do traballo é que atoparamos algo que unira a todas as obras, e o que vimos é que aínda que sexan de distintas metodoloxías, todas son figurativas”, sinala Costas dunha exposición que se viu complementada no día da súa inauguración por un obradoiro de “debuxo automático” baseado na metodoloxía de interpretación pictórica “das emocións provocadas por certas melodías”, que este estudante propuña na súa obra.

Obras unidas polo corpo e a pel

Ata este domingo 27 poderá visitarse no Museo Manuel Torres Cuerpo, unha exposición comisariada polas alumnas Mónica Pintos e Belén Puente-Dodd que partiu da busca das “diferentes visións que se xeran dun mesmo tema en diferentes disciplinas artísticas”. Concretamente, un exercicio realizado co corpo como eixo para unha materia de fotografía serviu como fonte de inspiración para unha proposta “para a que buscamos a compañeiros que traballaran tamén sobre esa idea", como explica Pintos. Deste xeito, a exposición reúne tanto as fotografías realizadas polos alumnos Jonathan Rodríguez ou Sara Piñeiro, como os gravados que Aida López centrou na representación da pel, o traballo pictórico no que Eva Antelo aborda a idea do corpo “desde a monstrosidade e o non aceptado socialmente” ou os autorretratos nos que Denise Pena articula unha crítica da relixión. Así mesmo, a esta serie de alumnos e alumnas a mostra sumou tamén as ilustracións dos egresados De la Cage e Arze, ambas definidas, explican as comisarias, pola crítica social. Do mesmo xeito, tamén Pintos, cunha obra que parte da busca “de peles no ámbito urbano, en elementos que pasan desapercibidos no día a día”, e Puentes-Dodd, cun traballo “que se basea no azar” para xerar un corpo a través de “xogos de luces e sombras”, suman as súas propias creacións a un proxecto que, recoñecen, “pese a que afróntalo con bastante medo, resultou unha experiencia moi gratificante”.