DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes de 1º do Grao en Dirección e Xestión Administrativa visitaron tamén o Valedor do Pobo

Alumnado do campus debate con Ruíz Rivas, Barcón e Aymerich nunha visita ao Parlamento de Galicia

Organizaron a actividade os profesores Álvaro López Mira e Alfonso Sola Limia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 23/04/2010

O alumnado de primeiro curso do Grao en Dirección e Xestión Administrativa realizou onte unha visita ao Parlamento de Galicia e ao Valedor do Pobo, que rematou cun debate cos voceiros dos tres grupos parlamentares, Manuel Ruíz Rivas (PP), Mar Barcón (PSOE) e Carlos Aymerich (BNG). Esta actividade, organizada polos profesores Álvaro López Mira e Alfonso Sola Limia, é un complemento da materia de Sistema Político Español e Galego, que ten por obxectivo que os estudantes observen de primeira man a aplicación práctica dos coñecementos que adquiren na facultade sobre o funcionamento das institucións públicas.
O vicevaledor 1º, José Julio Fernández Rodríguez,  foi quen lle explicou as liñas de funcionamento deste organismo e lles relatou algunhas anécdotas relacionados coa variedade das denuncias que reciben. “Ás veces a práctica é máis rica que o que di a lei, de aí a casuística asombrosa das queixas que lles chegan”, comenta López Mira ao respecto. Isto suscitou a curiosidade do alumnado, que formulou algunhas preguntas. Un dato salientable co que se quedou o grupo é que a maioría desas queixas está máis relacionada co ámbito urbano que co rural.

Debate sobre a fusión das caixas e a privatización da sanidade

No Parlamento de Galicia o alumnado seguiu unha visita guiada polas diferentes dependencias da institución: o salón de plenos, os grupos parlamentarios, as salas de comisións, o salón de xuras, etc.
Logo da visita os estudantes reuníronse cos voceiros dos tres grupos parlamentarios. Ruíz Rivas, Barcón e Aymerich deron unha clase de cortesía parlamentaria escenificando nunha sala de comisións un debate sobre temas de actualidade como a fusión das caixas de aforros e a privatización da sanidade, ademais doutros aspectos relacionados co propio funcionamento do Parlamento. O debate animouse coa intervención dos propios alumnos e alumnas, que amosaron a súa capacidade dialéctica e diversidade de opinións.

Impresións dos estudantes

Denís Pombar, Uxía Castro, Alberto Martínez e Antonio Dopazo son catro dos estudantes que asistiron á visita. Consideran que este tipo de actividades, cun cariz máis práctico, son de moita utilidade para coñecer como funcionan en realidade as institucións máis alá do coñecemento teórico que ven nas clases. “Foi especialmente interesante poder ver en acción aos tres voceiros dos partidos e ver como defenden as súas posturas”, valora Antonio Dopazo. O contacto con eles foi importante tamén para amosarlles os estudos do propio Grao en Dirección e Xestión Administrativa, pois, segundo comentan, a voceira socialista non o coñecía.
O Valedor do Pobo era a institución que menos coñecían das dúas. “Ademais do funcionamento, explicáronnos os dereitos que tratan de defender”, indica Uxía Castro. O que lles quedou máis claro neste caso é que “o Valedor só pode recomendar pero non obrigar”, como explica Denís Pombar.
Logo dos bos resultados desta visita, xa están pensando posibles destinos para vindeiras actividades como algún ministerio do Goberno Estatal, o Senado ou mesmo o Parlamento Europeo en Estrasburgo.