DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Concello de Pontevedra donou 18 unidades restauradas do extinguido programa Pillabici

O alumnado do campus disporá a partires de setembro dun banco de bicicletas propio

A Casa das Campás e a Casa Inglesa tamén contarán con este servizo totalmente gratuíto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Iolanda Fernández DUVI 29/07/2013
Alongar a vida útil das bicicletas, acondicionalas novamente para o seu uso e poñelas ao dispor da comunidade universitaria. Ese é o fin que persegue o Concello de Pontevedra ao doarlle ao campus universitario 18 bicis totalmente restauradas e empregadas ata hai relativamente pouco polos usuarios do xa extinguido programa Pillabici. Ata o vindeiro mes de setembro estas bicicletas estarán custodiadas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Nos primeiros días do curso está previsto que se trasladen varias unidades ata a Casa das Campás, o Pavillón Universitario e mesmo ata a Casa Inglesa, segundo puxo de manifesto este mesmo luns a vicerreitora do campus Antonia Blanco.

Para facer uso destas bicicletas só será necesario ser membro da comunidade universitaria “aínda que dende a Vicerreitoría estamos a traballar na elaboración dun carné que identifique aos usuarios e usuarias”, destacou Blanco. Botar man dunha destas bicicletas non terá custo algún para os estudantes e poderanas atopar ao carón de todas as facultades do campus “nun espazo axeitado que se acondicionará a comezos de setembro xa que os actuais aparcadoiros non son aptos para estes modelos ao tratarse de bicicletas de paseo”.

Recuperadas nun obradoiro

O alumnado do Obradoiro de Recicletas, encargado de levar a cabo estes labores de acondicionamento, achegou ata o campus estas 18 bicicletas acompañados pola edil de Benestar Social Carme Fouces. A vicerreitora do campus Antonia Blanco recibiu, acompañada pola decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Francisca Fariña e dun bo número de curiosos e curiosas que se concentraron ás portas do centro, a estes alunmos e alumnas, e hoxe ciclistas, que se achegaron ata as inmediacións para faceren entrega destas bicis totalmente restauradas.

A Concellaría de Benestar Social organizou un obradoiro de recuperación no que participaron 18 persoas. Entre as prazas ofertadas reservouse un determinado número para aquelas persoas en risco de exclusión social ou cunha discapacidade. “Tratábase de darlle un novo uso a estas bicicletas tal e como estamos a facer tamén cos libros de texto ao tempo que conectamos coa universidade ofrecéndolle a posibilidade de ter o seu propio banco de bicicletas”, explicou Fouces ante os medios de comunicación. A edil tamén adiantou que a comezos de setembro tanto o Concello como a Vicerreitoría asinarán un un protocolo de uso e mantemento destas bicicletas.

Traballando para conseguir a Bandeira Azul

A cesión por parte do Concello de Pontevedra é para a vicerreitora do campus Antonia Blanco un “punto máis ao noso favor para que as nosas facultades e centros universitarios consigan a Bandeira Azul do Green Campus que outorga a Foundation for Enviromental Education”. Para acadar este obxectivo, a Vicerreitoría pretende pór en marcha cursos e obradoiros de sensibilización e formación dirixidos á comunidade universitaria no que estean involucradas, a ser posible, todas as institucións e organismos da cidade.

Segundo explicou Blanco, a participación da Universidade neste proxecto será moi beneficiosa para “concienciar da problemática ambiental aos universitarios a partires das súas propias vivencias”. Para isto, a vicerreitora xa está a traballar no deseño dun plan de acción específico no que participan activamente, ademais dos representantes de todas as facultades e escolas do campus, a Oficina de Medios Ambiente (OMA), a Unidade Técnica e o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo.