DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores a comunidade universitaria está chamada a votar si ou non á súa abolición

O alumnado do campus de Ourense súmase ao referendo estudantil sobre a monarquía

A asemblea organizadora situou urnas nos edificios Xurídico-Empresarial e Ferro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Democracia
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/12/2018

A pregunta é: estás a favor de abolir a monarquía como forma de estado e instaurar unha república que abra procesos constituíntes? As posibles respostas: si ou non. Este mércores a comunidade universitaria do campus de Ourense foi chamada a participar no referendo simbólico sobre a monarquía, unha iniciativa estudantil de carácter estatal que arrancou hai unhas semanas e á que xa se sumaron máis de 20 universidades públicas españolas.

Froito de varias semanas de traballo

As urnas abriron no campus de Ourense ás 09.00 horas, estando ubicada unha delas no Edificio de Ferro e outra no Xurídico-Empresarial, e pecharanse ás 20.00 h. A chamada á participación inclúe a toda a comunidade universitaria, tanto alumnado como persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. Ademais de en Ourense, este referendo estudantil, que o pasado día 4 de decembro se celebrou no campus de Vigo, tamén se celebra este mércores nas universidades de Santiago de Compostela e na da Coruña. “Pola nosa parte animar ao estudantado, persoal administrativo e profesorado a participar. A súa opinión conta”, comentou César Gómez en representación do alumnado do campus de Ourense que traballou na organización desta cita. A media mañá, desde a súa mesa no edificio de Ferro salientaba como “de momento a participación está sendo boa, polo de agora vai todo moi ben”.

Segundo explicou este alumno de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación, “desde comezos de novembro estamos traballando na preparación deste referendo”. Así, apuntou, realizáronse catro asembleas abertas. “A primeira asemblea foi a principios de novembro e foi vindo cada vez máis estudantado doutros centros”, lembrou César Gómez. A decisión de unirse a esta iniciativa de alumnado doutras universidades estatais, indicou, xorde da convicción de que “non podemos seguir cun réxime que se nos foi imposto”. Con este referendo, subliñou, o obxectivo “é sacar a consulta á rúa e visiblizar a opinión da xente sobre a monarquía e a república”. Así, amosouse moi satisfeito con terse conseguido sacar adiante unha consulta sobre a abolición da monarquía, “algo que era unha idea que moitos tiñamos había tempo”.

Ilusión á hora de votar

Entre algunhas das primeiras persoas que votaron no campus de Ourense estiveron este mércores Alba Rodríguez, Sara Prieto e Ana Rodríguez, as tres estudantes de terceiro curso do Grao en Educación Primaria na Facultade de Ciencias da Educación. “A nosa paréceme unha opinión importante a ter en conta xa que nós somos o futuro”, salientaba sobre a posta en marcha desta consulta simbólica Alba Rodríguez. “A min fíxome moita ilusión poder votar isto por primeira vez. Debería facerse non só para un estudo senón a nivel xeral, para ter en conta de verdade os resultados”, comentaba pola súa banda Ana Rodríguez tras depositar o seu voto.

O reconto oficial de votos farase unha vez pechadas as urnas ás 20.00 h e os resultados faranse públicos a través das redes sociais. Os datos, indican desde a organización, coñeceranse por colectivos (alumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador) e por xénero.