DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un máximo de 20 estudantes participarán na concesión do premio á mellor longametraxe

O alumnado do campus poderá ser xurado no Festival de Cine

O prazo para presentar as solicitudes remata o día 9 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 14/06/2010

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) chega este ano á súa décimo quinta edición con novidades importantes nun programa que coincide coa celebración do Ano Xacobeo. Entre elas está a posibilidade que se lle brinda ao alumnado do campus de formar parte dun xurado integrado por xente nova e que avaliará as longametraxes que se presenten á sección oficial do certame. Para poder participar na iniciativa é necesario ser estudante do campus e ter dispoñibilidade nas datas nas que se vai celebrar o festival, do 1 ao 9 de outubro de 2010, posto que deberán visionar 12 películas –como máximo- en horario de tarde. Filemón Rivas, xestor de actividades culturais do campus, explica que a posta en marcha desta iniciativa partiu da propia organización do festival para implicar no certame ao maior número de colectivos posible “e, nesta liña, a xente moza e entre ela o alumnado do campus é un público moi atractivo que queren cautivar como espectadores potenciais da sétima arte”, explica.

Acceso gratuíto ás salas do festival

As persoas que forman parte deste xurado de xente moza gozarán dunha serie de vantaxes durante a celebración do festival, como o dispor dunha acreditación que lles dará acceso gratuíto a todas as salas, unha invitación para a sesión inaugural e para a de clausura do certame, libre acceso ás roldas de prensa e entregaráselles tamén o material do evento como o catálogo e o programa.
Este xurado estará integrado por un número máximo de 20 persoas. Filemón Rivas explica que, ata o de agora, xa se cubriron a metade das prazas e sinala tamén que no caso de que o número de solicitudes supere esta cifra farase unha selección na que contará a orde de inscrición. As solicitudes para participar na convocatoria deben facerse chegar á Oficina de Actividades Culturais do campus Universitario achegando unha fotocopia do carné de identidade, dúas fotos tamaño carné, teléfono e enderezo electrónico. A data límite para presentar as solicitudes remata o día 9 de xullo.