DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo e a empresa IBERNISHA asinaron este venres un convenio de colaboración

Alumnado do campus realizará prácticas nas termas

O acordo tamén ofrece á comunidade universitaria diversos descontos no uso das instalacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/11/2012

Cada día máis o campus de Ourense intenta estreitar as súas relacións coas principais empresas da contorna. Nesta liña de actuación, a Universidade de Vigo e a empresa IBERNISHA asinaron este venres un convenio de colaboración que permitirá ao alumnado realizar prácticas nas súas termas, as de Outariz e as da Chavasqueira, e á comunidade universitaria gozar de diferentes descontos nos seus servizos. A iniciativa está en consonancia coa aposta do campus de Ourense pola vida saudable, grazas á iniciativa Campus ConVida, e pola auga como sector estratéxico de futuro, a través do proxecto Campus da Auga.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Pablo Villuendas, director de IBERNISHA, foron os encargados de asinar o convenio entre as dúas entidades, contando tamén o acto coa asistencia de Alberte Rodrigo Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense. “Ata o de agora viñamos colaborando de xeito puntual, pero a sinatura deste convenio impulsará as sinerxías entre o campus e IBERNISHA e lles dará cobertura, permitindo deste xeito que alumnos nosos realicen prácticas nas termas e que a comunidade universitaria teña un mellor acceso aos seus servizos”, apuntou María Lameiras. “O futuro de Ourense é potenciar os recursos termais e atraer turismo. O ano pasado pasaron polas nosas termas case 100.000 persoas. E iso require que aunemos esforzos entre todos”, destacou Pablo Villuendas durante a sinatura.

Ata o 40% de desconto

Segundo contempla o acordo, IBERNISHA e a Universidade de Vigo establecerán un programa para a realización de prácticas profesionais nas termas de Outariz e nas da Chavasqueira dirixido aos estudantes de mestrados que teñan vinculación coa actividade prestada pola empresa, como poden ser o de Turismo. Ademais, o acordor recolle que a empresa ourensá ofertará os seus servizos á Universidade de Vigo e ao seus traballadores cunha serie de descontos.

Deste xeito, o alumnado terá un desconto do 40% na matrícula de aboamento mensual e de luns a venres un desconto do 15% na entrada libre ao circuíto termal, así como na realización dos tratamentos termais de algas e chocolaterapias. Pola súa banda, os traballadores da Universidade e os familiares en primeiro grao terán un 40% de desconto na matrícula do aboamento mensual, así como un 15% sobre os servizos de tratamentos termais e de cosmética que leven a cabo de luns a venres, ambos os dous inclusive. O uso das instalacións de Outariz de luns a venres terá para estes dous colectivos un desconto do 40% na entrada entre as 13.30 e as 16.00 horas, excepto os meses de xullo, agosto e festivos. O convenio tamén recolle que os membros da comunidade universitaria con Tarxeta Deportiva estarán exentos de pagar matrícula nas instalacións das termas de Outariz e da Chavasqueira e que os eventos organizados nestes establecementos pola Universidade terán un desconto.