DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No obradoiro de intelixencia emocional, que busca incrementar as destrezas de comunicación

Alumnado do campus traballa o autocontrol emocional para afrontar os retos académicos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 07/04/2010

O ámbito universitario é propicio para o despregue da intelixencia, mais ás veces esquecemos que tamén forma parte dela a destreza para xestionar os nosos impulsos emocionais e poder así atender mellor as responsabilidades académicas. Recoñecer os sentimentos propios e os alleos e aprender a manexalos de cara a unha mellora das relacións interpersoais tanto no ámbito persoal como no profesional é o obxectivo prioritario do obradoiro Da intelixencia emocional á comunicación: destrezas, estratexias e habilidades. Unha vintena de estudantes seguen esta actividade extraacadémica, unha das propostas da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e da Área de Extensión Cultural e Estudantes para o segundo cuadrimestre, impartida na EUET Forestal.

Gañar autocoñecemento e motivación

Como explica o profesor do taller, Xermán Muíños, ao tratarse dun obradoiro todo se desenvolve en base á experiencia e en cada sesión realizan dinámicas e xogos para traballar habilidades de comunicación, como pode ser establecer un diálogo sen usar a palabra. O obxectivo deste exercicio é comprender a importancia da comunicación non verbal e de ter en conta as características específicas das outras persoas para relacionarse con elas. “Estamos acostumados a ver á xente polas súas limitacións e non polas súas capacidades, pero non se trata de subsanar perdas, senón de xerar alternativas para superalas”, subliña ao respecto.
Ao longo do obradoiro o alumnado aprenderá a identificar os principios básicos da intelixencia emocional, máis o importante non é a teoría, senón, como afirma o profesor, “saber que a emocional é unha parte máis da intelixencia, que serve para adquirir un mellor autocoñecemento, competencias sociais e gañar motivación”.
Para iso, a maioría do traballo na clase realízase en grupo, co que se persegue que os estudantes melloren a súa facilidade de expresión, aprendan a tomar decisións, opinen e respecten os puntos de vista dos demais. O que máis lles preocupa é perder o medo a falar en público para desenvolverse en calquera ámbito, deste a exposición dun traballo en clase, ata a presentación dunha tese ante un tribunal ou enfrontarse á primeira entrevista de traballo.

Opinión do alumnado

Noé Dopazo é estudante de Publicidade e Relacións Públicas e sinala que escolleu este obradoiro entre a oferta existente pola súa relación co que será o seu ámbito profesional, a comunicación. "Facemos xogos para expresar as nosas emocións e para mellorar as nosas habilidades de comunicación nas relacións persoais", comenta, polo que pensa que isto pode axudarlle a expresarse mellor en público tanto e a desinhibirse.
No seu caso, Paula Pérez, estudante de Ciencias da Educación na especialidade de Educación Infantil, considera que "para traballar con nenos é importante saber expresar emocións, para conseguir que eles tamén saiban comunicarse". O curso está cumprindo as súas expectativas neste sentido e sinala que está aprendendo xogos moi variados para aplicar en diferentes contextos.