DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jordi Pallarés, xerente da liga ASOBAL, abre as Xornadas de Comunicación e do Deporte

O alumnado de CC Sociais e da Comunicación aprende a aplicar a inventiva na difusión dos deportes minoritarios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 26/10/2009

Cando un partido de fútbol acada unha audiencia de 200.000 espectadores queda pouca marxe televisiva para os demais deportes e entnón cando cómpre aplicar inventiva e enxeño para facerse un oco nos medios. A maneira de articular unha estratexia de comunicación axeitada ao día a día do balonmán centrou a conferencia que Jordi Pallarés, xerente da liga ASOBAL, impartiu hoxe na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación na primeira sesión das Xornadas da Comunicación e do Deporte, promovidas pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e centradas este ano na organización de eventos deportivos. “Os intereses deportivos do país dan pouco xogo e os deportes minoritarios temos que pelexar polo pouco espazo que deixa o fútbol na prensa”, lamentou Pallarés.
Jesús Hernández, viccerreitor do campus e Xulio Pardellas, decano da Facultade de CC Sociais e da Comunicación, foron os encargados de darlle a benvida ao alumnado. Hernández destacou que o obxectivo deste seminario é “levar a formación máis alá das aulas, traendo profesionais que poden contar historias que valen máis que mil coñecementos regrados nun libro de texto”.

Internet e a televisión, os desafíos do balonmán

O profesor Manuel Torres foi o interlocutor de Pallarés no seu relatorio. Ao fío das súas preguntas, o xerente da ASOBAL falou da importancia de xestionar información pensada para os seguidores fieis, pero, sobre todo, de buscar un oco entre os afeccionados ao deporte en xeral. Para isto sinalou a relevancia das novas tecnoloxías, de posicionarse en Internet e de ofrecer unha boa plataforma de difusión na rede con resumos instantáneos das xornadas.
Con todo, o principal desafío para a ASOBAL está na televisión. “Nun contexto no que os dereitos dos partidos de fútbol se venden por separado e ao mellor postor, nós apostamos por xestionar comunmente a nosa imaxe”. A primeira elección de partido correspónderlle no caso da ASOBAL a Televisión Española. Os restantes pertencen a Sogecable e algúns xestiónanse tamén para as canles autonómicas. Pallarés salientou que o balonmán foi na tempada 2008-09 “o segundo deporte por equipos con maior presenza na televisión despois do fútbol”.
O maior avance neste sentido para a ASOBAL foi, segundo indicou Pallarés, “asumir eles mesmos a produción e a realización dos partidos”. Deste xeito, puideron unificar criterios á hora de presentar a liga na televisión. “Esta capacidade de control do produto cuatriplicou o interese dos patrocinadores”, puntualizou. “As audiencias non fan todo, é tanto ou máis importante ter unhas cores que te identifiquen, un bo grafismo ou unha boa carátula de entrada e saída”, engadiu.

Planificación e imaxe dos eventos deportivos

Dúas conferencias completaron a primeira mañá das Xornadas de Comunicación e Deporte. José Ramón González, membro da organización do Rally Catalunya-Costa Daurada falou da planificación desta proba. Deseguido, Jaime Agulló, director xeral de deportes do Concello de Pontevedra, resaltou a importancia das grandes citas deportivas para a proxección da cidade.
Na sesión vespertina as sesión continúan coa intervención de Pilar Ruiz, sobre a medio maratón Vig-Bay. Pola súa parte, Emilio García Carrasco, conselleiro delegado de UGA-Consulting, centrarase no poder da imaxe pública dos deportistas de elite. José Ramón Díez, responsable da realización das cerimonias dos Xogos Olímpicos será o encargado de pechar a primeira xornada das sesións cun suxestivo relatorio titulado Ao fío da noticia. A organización dos Xogos Olímpicos de Pekín.
O segundo día das xornadas, que se desenvolverá este martes a partir das 10.00 horas, estará protagonizado por Ramón Pujol, director de relacións intitucionais e protocolo do FC Barcelona. Ademais, analizaranse a organización e a xestión da comunicación dos mundiais de Hóckey sobre Patíns e de Moto GP. A terceira edición das Xornadas da Comunicación e do Deporte pecharanse cunha conferencia centrada no voluntariado.