DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A raíz dun convenio de prácticas coa Asociación Vaipolorío

Alumnado de CC Sociais e da Comunicación filmará un documental sobre a biodiversidade do río Gafos

Percorrerán o leito fluvial de febreiro a maio para ver a súa evolución do inverno á primavera

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 03/02/2010
Con base no convenio de cooperación educativa que a Universidade de Vigo vén de asinar coa Asociación Vaipolorío para a realización de prácticas preprofesionais, un equipo de alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación filmará un documental sobre a biodiversidade do río Gafos. Os estudantes realizarán un audiovisual dunha duración aproximada de vinte minutos sobre a fauna e a flora deste río, principal foco de atención do colectivo ecoloxista Vaipolorío, para difundilo en colexios, concellos e entidades sociais e culturais. Para isto, percorrerán o leito fluvial desde o seu nacemento no concello de Vilaboa ata a súa desembocadura en Pontevedra en dez saídas programadas desde o mes de febreiro ata abril. A convocatoria para a solicitude destas prácticas, aberta dende o pasado 26 de xaneiro, remata o vindeiro luns 8 de febreiro.
Tal e como indica o documento do convenio, as dúas entidades pretenden “preparar aos futuros titulados universitarios para o exercicio profesional e a súa incorporación ao traballo dentro da sociedade”, achegándolle “unha visión real dos problemas”.

Posta en valor da fauna e da flora do río Gafos

Segundo indicou Xosé Manuel Feijoo Bernárdez, secretario da Asociación Vaipolorío, “o obxectivo do documental é poñer en valor a fauna, a flora e o patriomonio paisaxístico e etnográfico do río”. Por parte da facultade exercerá como titor do proxecto Paulino Pérez, vicedecano de Alumnado e profesor do Departamento de Dereito Público Especial, Comunicación Audiovisual e Publicidade. Sinala que a peza final será “un documental didáctico baseado no entorno ecolóxico do río, na súa biodiversidade, que achegue datos científicos” sobre o tipo de árbores e de animais presentes na ribeira. “O que queremos é facer unha publireportaxe breve, para que non sexa aburrida, sobre o valor biolóxico do Gafos”, afirma. Para isto realizarán dez saídas os sábados de febreiro a abril, en horario de 10.00 a 13.00 horas, co fin de recoller en imaxes a evolución do leito fluvial do inverno á primavera. “A gravación farase nesas saídas, para o que Vaipolorío achegará biólogos e xente para entrevistas, e a montaxe realizarase na facultade pola semana”, explica o profesor. A este respecto, Feijoo Bernárdez precisa: “nós só lles damos unha orientación e eles teñen total liberdade de criterio para a escolla de contidos, formatos e deseño”.
Finalmente editaranse ao redor de mil copias para a súa distribución en concellos, centros educativos, asociacións de veciños ou asociacións culturais. Este novo traballo é a continuación dun proxecto anterior desenvolvido xa con alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que, como indicou o secretario da asociación, “daquela estivo centrado nas relacións humana co río”. A iniciativa conta tamén coa colaboración do programa medioambiental Voz Natura, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Últimos días para presentarse á convocatoria

Os interesados en acceder á realización destas prácticas poden presentar a solicitude ata o vindeiro 8 de febreiro a través da Fundación Universidade de Vigo (FUVI). A convocatoria está dirixida a estudantes das licenciaturas de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas e para poder acceder requírese ter superados o 50% do créditos ou estar realizando o proxecto de fin de carreira. Deste xeito, a solicitude debe acompañarse cun extracto de notas actualizado e cun extracto dos créditos superados. A preselección de estudantes será realizada pola FUVI, mentres que a selección definitiva correrá a cargo de representantes de Vaipolorío e da Universidade. O equipo traballará os sábados pola mañá de 10.00 a 13.00 horas. Os seleccionados deberán cubrir un total de 120 horas, que serán convalidables por créditos de libre configuración.

*Foto cedida pola Asociación Vaipolorío