DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lanzaron o seu chamamento á solidariedade a través da rede social Facebook

Alumnado de CC Sociais recolle "os quilos que che sobran" para o Banco de Alimentos

Na mañá xa xuntaran máis de 70 quilos e esperan dobrar esa cantidade ao final do día

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 24/03/2010

“Danos os quilos que che sobran!”. Con este lema, un ano máis o grupo de Facebook Pont-e, creado polo alumnado da materia de Internet e Multimedia, lanzaron un chamamento á solidariedade a través desta rede social, pedindo a doazón dun quilo dun produto non perecedoiro a todo aquel que se achegue este mércores pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Abriron o seu posto no vestíbulo do centro ás 10.00 horas e ao final da mañá xa xuntaran máis 70 quilos, superando xa a cantidade sumada á mesma hora o ano pasado e esperando dobrar a cifra ao remate da xornada. A recollida durará ata as 20.00 horas e todo irá destinado ao Banco de Alimentos de Vigo.
Produtos básicos como lentellas, arroz, garabanzos, pasta ou aceite chegarán ata as persoas máis necesitadas da cidade a través desta ONG, que fai un reparto por centros como o albergue de San Xavier, o comedor dos Padres Franciscanos, a residencia de anciáns Virxe do Camiño ou as diferentes sedes de Cáritas.
A relación da Facultade de CC Sociais e da Comunicación co Banco de Alimentos de Vigo non é nova, pois xa con anterioridade un grupo de estudantes, coordinados polo profesor Alberto Dafonte, realizara unha campaña para dar a coñecer o seu labor, que chegou a estar nominada no Festival Internacional de Publicidade de Málaga, no apartado de Jóvenes talentos.

As redes sociais como vía para a cooperación

A profesora Isabel Suárez, que acompañou ao longo de toda a mañá aos alumnos e alumnas promotores do Pont-e, lembraba como a iniciativa naceu para un traballo da súa clase cunha vocación tripla: “aprender a xestionar redes sociais, constituír un grupo para toda a comunidade universitaria e, sobre todo, demostrar que as redes sociais non son un grupo de xente que se esconde para illarse da súa contorna, senón todo o contrario, pois son unha forma de vincularse con xente diversa de todas as idades e ideas, para ser máis conscientes da realidade circundante e axudar a mellorala”. Foi por isto último que decidiron establecer unha vía de colaboración con diferentes entidades benéficas, entre elas coa sede pontevedresa do Banco de Alimentos. No seguinte enlace pode verse un vídeo sobre a primeira recollida que realizaron: Operación Kilo.

2.295 membros en menos dun ano

Foron trinta os estudantes que crearon o grupo de Facebook Pont-e en maio de 2009 e que hoxe xa suma 2.295 membros. “Temos máis audiencia que moitos periódicos dixitais”, destaca a profesora, quen asegura que a proposta se estendeu a toda a Universidade de Vigo (alumnado, PAS e PDI), a outras universidades e a persoas alleas ao ámbito académico de toda Galicia, doutras comunidades e mesmo do estranxeiro. Isabel Suárez subliña que conseguiron atraer á xente solidaria que está nas redes sociais, “esa que o que quere é mesturarse con outra xente para facer cousas en común”. Segundo a profesora, os membros do grupo amosan unha grande implicación e pon de exemplo persoas que postean ofertas de traballo ou como un alumno que viaxou a Madrid para facer un curso foi acollido na súa casa por outros membros do grupo. Algo que naceu como unha plataforma de debate sobre as redes sociais e como unha maneira de ensinarlle aos alumnos a xestionar un proxecto e a traballar en grupo, converteuse, en palabras da profesora, “nunha rede estupenda de axuda mutua, que fai que o alumnos que xa están foran da facultade sigan vinculados”.

Outras accións sociais e lúdicas

Borja Dapena é un dos fundadores de Ponte-e que xa rematou a carreira e que se achegou hoxe á facultade para apoiar aos continuadores da idea. Conta como a raíz desta experiencia a súa clase, con poucos vínculos iniciais entre os compañeiros, acabou funcionando como “unha máquina perfecta”. “Teño a sensación de que con esta actividade aprendemos moito de cara á preparación de eventos, a como conseguir notoriedade e a traballar en grupo”, destaca. “Eu son da idea de que non é necesario facer un exame para aprender e que se aprende moito máis coa práctica”, engade.
Neste sentido salienta outras actividades que realizou o grupo para fomentar a súa perspectiva máis social e lúdica. “O boom inicial, que acadou unha maior notoriedade, foi a voda ficticia que montamos na praza da Peregrina e coa que acabamos rodeados de xente”, sinala.
Nesa liña performativa e sen perder a súa perspectiva solidaria, o ano pasado sorprenderon tamén coa acción Pont-e a ser feliz, na que regalaban bens intanxibles como bicos e abrazos na praza da Ferrería. Para comezar con forza e atraer a atención no actual cuadrimestre realizaron unha interpretación do Thriller de Michael Jackson na facultade.