DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade acolleu un coloquio co director e produtores de ‘Dhogs’

O alumnado de CCSS e da Comunicación achégase ao proceso de creación da gañadora de 13 Mestre Mateo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/12/2021

Naturais os tres da vila lucense de Meira, o director Andrés Goteira e os produtores Suso López e Laura Doval protagonizaron este martes un encontro co alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que tivo como o eixo Dhogs, a primeira longametraxe de Goteira, coa que obtiveron un bo número de recoñecementos, entre eles 13 premios Mestre Mateo. Organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, coa colaboración da facultade, esta actividade abriuse coa proxección deste thriller, estreado en 2017, e completouse cun coloquio cos seus responsables, que permitiu afondar tanto nas súas traxectorias, como no proceso de creación desta longametraxe e nos proxectos que actualmente desenvolven na produtora Gaitafilmes.

Nunha actividade promovida polo profesor Benigno Fernández Salgado, Goteira, López e Doval compartiron co alumnado o que para eles supuxo o éxito de Dhogs, que foi tamén seleccionada para a competición oficial de Sitges, para a Bafici de Bos Aires, o BIFF de Bruxelas ou a Mostra de Sao Paulo, ademais de premiada no Split Film Festival e no Nocturna de Madrid. Tratábase da primeira longametraxe realizada por Goteira, enxeñeiro técnico de telecomunicacións e técnico de son, tras ter rodado previamente varias curtas. Ademais de coñecer os procesos de traballo dun realizador ao que, como sinalan desde a produtora, “gústalle xogar coa narrativa, con historias inclasificables e observar o que filma desde diferentes puntos de vista”, este coloquio permitiu coñecer tamén algúns dos seus novos proxectos, como o documental Welcome to ma maison, que recentemente se estreaba no Festival Internacional de Cine de Xixón, ou a longametraxe de xénero Starmucks

Por outra banda, o coloquio permitiu afondar na traxectoria na produción audiovisual que desde hai máis de dez anos desenvolve o enxeñeiro industrial Suso López, que acadou con Dhogs o Mestre Mateo á mellor dirección de produción. Esta actividade achegou tamén o alumnado a experiencia dunha ex-alumna como Laura Doval, unha licenciada en Publicidade e Relacións Públicas especializada en márketing dixital. Esta egresada, explicou, traballa actualmente como xestora de redes sociais para diferentes marcas ao que suma a súa traxectoria como socia fundadora de Gaitafilmes, onde se encarga tanto da produción executiva dos diferentes proxectos como do márketing e as vendas. Así mesmo, Doval foi tamén axudante de produción da serie 3 Caminos, que Ficción Producciones realizou para Amazon Prime, e da longametraxe Cuñados, da produtora Portocabo.