DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na II edición do 'Seminario Ibérico de Investigación en Comunicación'

O alumnado de CCSS e da Comunicación achégase ás novas tendencias da comunicación política

Terá lugar este martes 21 de decembro no Castelo de Soutomaior

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 20/12/2010

"Na actualidade o poder político non se concibe sen a comunicación”. Con esta afirmación o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinador do II Seminario Ibérico de Investigación en Comunicación, Alberto Pena, resumiu a importancia que os labores de comunicación están a acadar na vertente política, de aí que a segunda edición destas xornadas, que se celebran este martes no Castelo de Soutomaior, teñan como eixo principal o binomio política e comunicación. Deste xeito, “o seminario pretende afrontar a realidade portuguesa e española da relación entre poder político e comunicación, a que é cada vez máis intensa, máis dinámica, máis polémica e máis necesaria”, explicou o organizador.

A xornada, dirixida principalmente ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quere brindar os coñecementos necesarios “que permitan radiografiar con detalle o fenómeno da comunicación na política”. Para iso, o estudantado terá a oportunidade de interactuar e debater de forma directa con especialistas en Comunicación Política de España e Portugal “nunha sesión fóra das aulas e que completará a súa formación curricular”, en palabras de Pena. Ao mesmo tempo tamén se pretende achegar unha aproximación académica para o profesorado “acadando un coñecemento moito máis práctico sobre as novas tendencias da comunicación política no ámbito ibérico".

Para iso, o II Seminario Ibérico de Investigación en Comunicación contará con “conferenciantes que son referencia no campo de traballo onde se moven”. Así, a inauguración da xornada correrá a cargo de Jesús Timoteo, profesor da Universidade Complutense de Madrid e socio consultor de Quantum Leap & Patners, que centrará a súa intervención en achegar as novas técnicas de comunicación desde o Openmarketing, un novo eido de traballo da comunicación política. Tamén participará Joao de Almeida Santos, “que conta cunha traxectoria política dilatadísima”, ademais de ser o asesor do Primeiro Ministro de Portugal, “levando a súa estratexia política e a súa imaxe”, explicou Alberto Pena. Na súa conferencia falará sobre a relación política-comunicación en Portugal. De seguido será a quenda de Juan Carlos Miguel de Bustos, profesor da Universidade de País Vasco, que tocará o tema obxecto de estudo desde unha óptica máis ampla, describindo as novas políticas de comunicación que se están dando no continente europeo.

O seminario rematará coa mesa redonda titulada Medios, políticos e públicos na sociedade da imaxe, na que tres especialistas afondarán desde diferentes perspectivas. Así, Ana Jorge Alonso, profesora da Universidade de Málaga tratará cuestións da comunicación política en relación co papel da muller neste eido. O profesor da Universidade de La Laguna, Fernando Iturrate explicará a relación que manteñen política e cine ao longo da historia e Fermín Galindo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, definirá algunhas características xerais da imaxe dos políticos.

Preocupación pola comunicación na política

Pena quixo afondar na importancia que a comunicación está acadando no eido político, porque cada vez máis, tanto políticos como institucións buscan en axencias de comunicación asesoramento profesional sobre como xestionar as súas mensaxes para que sexan eficaces e, ademais como manter a relación coa cidadadanía, a que o profesor Alberto Pena califica como “máis intensa, porque se está a dar un contacto directo a través de Internet, en Facebook, Twitter, MySpace, Youtube… o que fai ao político omnipresente e en procura sempre do cidadán”.

Por outra banda, o mundo da política acode aos especialistas da comunicación pola complexidade que supón na actualidade transmitir unha mensaxe persuasiva, xa que “comunicar desde o poder político non é tan sinxelo como hai vinte anos, porque hai máis soportes de comunicación, máis medios e máis técnicas de comunicación a aplicar”, explicou o coordinador. Como consecuencia a comunicación política estase a converter nun sector de traballo interesante para os futuros profesionais.

Programa do II Seminario de Investigación en Comunicación (700 kb)