DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría Forestal conmemorou este xoves o seu patrón

O alumnado celebra con San Leandro o inicio da Semana Santa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 14/04/2011

Se o ano pasado a festividade de San Leandro viuse empañada polo mal tempo, nesta ocasión o sol e a calor non abandonaron aos organizadores, 30 alumnos e alumnas do terceiro curso de Enxeñaría Técnica Forestal. Cun orzamento menor que en anos anteriores “conseguimos montar uns festexos máis grandes e ambiciosos” coa finalidade de que se consolide e que se converta “nunha festa de referencia no campus pontevedrés”, explica Fernando Sande, voceiro do comité organizador. Os concertos e a comida, principais protagonistas dunha celebración “que hai dous anos case non existía”.

A música en directo continúa a ser “o prato forte dos festexos” con grupos musicais e estilos “moi achegados aos gustos dos universitarios pontevedreses”, comenta Fernando Sande. Ao longo da tarde pasan polo escenario, situado diante da escola, Natural Green, Fervellasverzas, Salvation Army e PunkZ, agrupacións “con anos de percorrido no mundo da música e que atraen a moito público”, engaden os organizadores.

Ademais de música, o programa do San Leandro 2011 inclúe actividades de ocio variadas, como un torneo de poker, o xogo do tiro ao globo con dardos e futbolíns, introducindo a novidade dos inchables. Estas actividades estiveron amenizadas polo grupo de música tradicional Tócame a Ghaita, composto integramente por alumnado da escola. Como en calquera festa, a comida e bebida tampouco faltaron incluíndo este ano no menú comida quente “como bocadillos de lomo, chourizo asado e ata hamburguesas”. As camisetas deseñadas para a ocasión tamén foron un éxito nas que plasmaron a imaxe dun San Leandro “con piñeiros na cabeza, pondo de manifesto a nosa mentalidade forestal”, aclara Sande.

Á espera de Santa Kata

Despois de Semana Santa retomaranse os actos festivos no campus de Pontevedra. Tocaralle a quenda á Facultade de Ciencias Sociais e de Comunicación coa celebración de Santa Kata para honrar á súa patroa Santa Catarina de Siena. A cita, para o vindeiro 28 de abril, data na que non faltarán as sorpresas, tal como apuntaron os seus organizadores na presentación de Cultukata.