DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Ciencias da Educación amosa como soan Mozart, Bach ou Verdi co instrumentario escolar

Examináronse da materia Agrupacións Musicais II nun concerto público

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 02/06/2010

O alumnado da especialidade musical da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte realizou onte o exame da materia Agrupacións Musicais II, impartida polo profesor Marco Lucato, nun concerto público ante a presenza de familiares, amigos e docentes. Presentaron obras de compositores clásicos con arranxos propios pensados para orquestra Orff, é dicir, a conformada co instrumentario escolar, e dirixidas por eles mesmos. A música de Mozart, Bach, Grieg, Verdi ou Beethoven serviu así para consolidar esta actividade, que sumou a súa XIV edición funcionando xa como un concerto tradicional de fin de curso.
Participaron en total 30 estudantes, que interpretaron 18 pezas en dúas partes. O carillón actuou como instrumento principal para a execución de partituras emblemáticas como o Bolero de Ravel, a Danza húngara de Brams, a 5ª Sinfonía de Beethoven ou a Nutcracker suite de Tchaikovsky, pois a temática deste ano foron os grandes temas clásicos. “Cada curso faise unha escolla diferente e, mentres noutras edicións foron bandas sonoras ou cancións infantís, nesta optouse polos grandes clásicos”, explica o profesor Ducato. Sinala tamén que lles permite aos seus alumnos e alumnas a posibilidade de examinarse neste concerto ou no exame oficial. “Realizan por parellas ou individualmente os arranxos e a dirección dunha peza, pois do que se trata é de avaliar a súa capacidade nestes eidos”, comenta.

Oportunidade de enfrontarse a un auditorio

Marco Ducato destaca que poden concorrer ás dúas convocatorias con igualdade de condicións. Con todo, valora a presenza neste concerto, “pois é unha oportunidade que teñen para aprender a manexarse en público, posto que serán futuros mestres e terán que enfrontarse a diario a un auditorio”. Así mesmo, mantén que esta actividade final serve para poñer en práctica os contidos de todo o curso e obrígaos a realizar ensaios completos. Os estudantes demostraron que esta metodoloxía funciona, que lles dá brío para atreverse con autores históricos e que acaban converténdose en músicos poliédricos, capaces de compoñer, tocar, cantar e dirixir.