DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seminario está coordinado por Roberto Barcala e impartido por María del Castillo

Alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte experimenta técnicas de estimulación motora de bebés dentro da auga

Nunha xornada de motricidade acuática infantil na piscina de Campolongo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 11/12/2009

Un grupo de 50 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte participa este venres nunha xornada sobre motricidade acuática infantil. Complementar a súa formación coa adquisición de novas técnicas e metodoloxías educativas centradas no uso do medio acuático como recurso docente para o desenvolvemento psicomotor dos nenos e nenas é o obxectivo deste seminario, tal e como indica o seu coordinador, o profesor Roberto Barcala Furelos. Organizado conxuntamente pola Comisión de Cultura e a Delegación do Alumnado da facultade, está impartido por María del Castillo Obeso, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Coruña, especializada en actividades acuáticas aplicadas na primeira infancia.
Trátase dun curso teórico-práctico, como explica o profesor Barcala, distribuído en tres bloques. Nos dous primeiros abórdanse as medidas de seguridade e os primeiros auxilios de cara a atención dos meniños nun medio acuático e analízanse os beneficios da auga para o desenvolvemento dos nenos e nenas a nivel motriz e cognitivo. Para o desenvolvemento do terceiro, completamente práctico, contan coa colaboración da piscina de Campolongo, na que traballan con dous grupos de pequenos e pequenas, uns cunha idade comprendida entre os 6 meses e 1 ano e outros nunha franxa de 1 a 3 anos.

Aprender a controlar o corpo nun medio distinto ao habitual

María del Castillo, de quen Barcala fala como unha das "máximas expertas neste tema a nivel nacional", sinala que o curso pretende de ampliar a formación dos futuros mestres coas posibilidades de acción e experimentación nos primeiros anos de vida que ofrece un medio diferente ao habitual. "Non se trata de aprender a nadar, senón a controlar o corpo nun medio distinto ao humano, adaptándose ás súas particularidades, de xeito que funciona como un estímulo para o enriquecemento do desenvolvemento motor dos nenos", precisa. Engade que se trata de "ofrecerlles aos cativos algo diferente ao que poden ter na súa casa, na gardería ou no parque".
Ao longo do curso amosaranse técnicas para traballar habilidades básicas na auga como o equilibrio, os desprazamentos, a interacción con obxectos, tanto os que se afunden coma os que non, a flotación ou a capacidade de apnea para o mergullo. O obxectivo é evitar que o neno sexa como "unha boia á deriva e aprenda a dominar as dúas forzas que actúan na auga, que o fan ademais de xeito oposto, é dicir, a gravidade e a flotación", sinala a profesora.

Unha metodoloxía de aprendizaxe construtiva

Del Castillo opina que o traballo realizado na piscina é moi gratificante, “por todo o que pode achegar ó mestre en coordinación co técnico deportivo e cos pais”. Defíneo como unha metodoloxía de aprendizaxe "construtivista, na que se fomenta que o neno sexa consciente en todo momento do que está facendo e que non se limite á repetición de patróns preestablecidos". Ademais, se logo desta iniciación se sente cómodo nas actividades acuáticas, pode abrírselle un amplo abano de posibilidades non só centrado na natación, senón cunha gran variedade de deportes como o waterpolo ou mesmo a natación sincronizada.
Esta profesora centrou a súa tese de doutoramento na evolución dos patróns acuáticos e das habilidades motoras na auga, realizando un estudo descritivo con nenos a partir dos seis meses. A través del puido comprobar que as técnicas de aprendizaxe acuática, malia non xerar unha aceleración do proceso de maduración, si contribúen a ampliar o repertorio de habilidades, “cun volume de capacidades máis variado e un desenvolvemento motor máis rico”. Así mesmo, chegados á idade dos catro ou cinco anos, esta bagaxe sitúa aos nenos nunha condición favorable para aprender a nadar con facilidade. Con base nestes bos resultados, Del Castillo considera que todos os nenos deberían poder acceder a esta oferta.
A docente quixo recalcar tamén que estes exercicios se desenvolven tendo sempre moi de preto as medidas de seguridade. Integrada nun grupo de investigación centrado nas actividades acuáticas e o socorrismo, Del Castillo considera fundamental coñecer as técnicas de salvamento para poder actuar en calquera momento que sexa preciso.