DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizan unha das imaxes difundidas pola asociación Xuntos nesta xornada

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte súmase á campaña do Día mundial da síndrome de Down

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/03/2022

Este luns 21 de marzo conmemorase Día mundial da síndrome de Down, no que a asociación Down Pontevedra Xuntos quere reivindicar a importancia da inclusión deste colectivo a través da instalación de tres pousadoiros (photocalls) en diferentes puntos da cidade. Co propósito de involucrar á cidadanía pontevedresa nesta iniciativa, unha das imaxes difundidas desde a asociación é a dun grupo de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

Deste xeito, Xuntos quixo pór de relevo á colaboración da facultade, coa que realizan “xornadas de sensibilización para o alumnado”, á vez que acollen a estudantes en prácticas, como explica a súa coordinadora, Paula Villaverde. Así, un grupo de estudantes do Grao en Educación Primaria, xunto coa docente Myriam Alvariñas, convertéronse en protagonistas dunha das imaxes lanzadas nesta xornada para fomentar a participación da cidadanía na campaña, na que se lles convida a subir ás redes sociais unha fotografía coa etiqueta #inclusión. Xunto ao alumnado, tamén participaron nesta iniciativa o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; o actor David Amor, a influencer Natalia Maquieira e o responsable do blog Alvientooo, Alberto Rivas.

A Vicerreitoría iluminarase de amarelo e azul

Con motivo desta data conmemorativa, establecida polas Nacións Unidas en 2011 e que fai referencia "á trisomía do cromosoma 21, que se traduce na condición xenética da síndrome de Down”, segundo explica Down Pontevedra Xuntos, os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia iluminaranse esta tarde de amarelo e azul. Así o farán tamén as sedes de diferentes institucións, como é o caso da Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.