DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha vintena de estudantes pasaron a noite do xoves no Edificio de Ferro do campus

O alumnado de Ciencias da Educación pechouse contra os recortes

Con este acto uníronse ás protestas realizadas esta semana en secundaria e universidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 19/10/2012

“Mobilizarnos en contra da nova lei educativa, dos recortes sociais e do ataque indiscriminado á cidadanía e aos seus dereitos básicos”. Estes son os motivos que levaron este xoves a unha vintena de persoas, maioritariamente alumnado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, a pecharse durante a noite no Edificio de Ferro. A protesta, que se desenvolveu sen incidentes, enmárcase dentro das levadas a cabo esta semana no eido educativo, promovidas desde o ensino secundario e apoiadas desde diferentes colectivos universitarios.

Segundo explica Serxio Souto, estudante de Educación Social, a protesta comezou realizando piquetes informativos nas diferentes facultades do campus de Ourense, piquetes “nos que informamos da grave situación educativa e de como a estafa financeira repercute nos dereitos básicos da cidadanía, como son a educación, a sanidade e os servizos sociais”. “A situación aféctanos a todos e todas e non podemos permanecer pasivos”, advirte. Ao remate, as reivindicacións continuaron coa celebración dunha manifestación perante a Delegación de Educación que logo percorreu diferentes rúas da cidade de Ourense.

Arredor das 21.00 h, os estudantes procederon ao peche no Edificio de Ferro do campus. “En sinal de protesta decidimos pasar cando menos a noite no centro, esperando así chamar a atención da cidadanía e espertar as conciencias. A educación é de todos e para todos, de aí o acto simbólico de pecharnos na facultade de Ciencias Educación”, destaca. Rematado o peche, os seus organizadores salientan que continuarán realizando medidas de protesta de diferente tipo no futuro.