DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contaron coa colaboración de actores de primeiro nivel

O alumnado de Comunicación Audiovisual atrévese cos vídeos musicais

A actriz Camila Bossa destacou a profesionalidade e alta calidade do traballo que realizan

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 03/03/2011

Será porque cursan o último ano de Comunicación Audiovisual ou simplemente porque desbordan talento e vocación. O certo é que a canteira de Ciencias Sociais e da Comunicación é sinónimo de calidade e dedicación e así o amosan nas pezas audiovisuais que crean para as materias que estudan, moitas delas á altura das producións do mundo profesional. Unho boa mostra deste esforzo foi a reliazada polo alumnado ao longo de toda esta semana, na que rodaron catro vídeos musicais que, conscientes da súa inminente saída ao mundo laboral, non só sirven para promocionar ao grupo musical, "senón tamén a nosa valía”, comentan os estudantes.

Como futuros profesionais do sector, botaron man de todos os recursos á súa disposición para gravar un clip “que tivera un bo resultado final”. Así, o grupo de Lorena Ares contou coa colaboración de actores de primeiro nivel como a actriz Camila Bossa, coñecida polo seu papel en Matalobos e Xoque Carbajal, actor de Malasombra Producións. Como comenta a alumna, “o máis importante para nós era o drama do personaxe, por iso necesitabamos de xente con experiencia, forza e propostas que enriquecesen o proxecto”. Para Camila Bossa esta rodaxe supón a súa estrea no sector dos vídeos musicais, nos que “non hai un traballo de diálogo, non podemos contar a historia a través das palabras polo que debemos ser expresivos co emprego doutros recursos”. Engade que é fundamental “axudar aos que están comezando” ademais de que “son rapaces con ganas, que traballan con moita organización e son moito máis responsables, metódicos e atentos que en moitas rodaxes profesionais”.

Toda a clase ideou este proxecto audiovisual baixo unha estratexia de lanzamento e visibilidade. Mentres que uns escolleron o grupo musical Lori Meyers e “se inscribiron no seu concurso de videoclips”, os demais contactaron con artistas, como os santiagueses Snatch ou o cantante catalán Pau Vallvé, que poderán empregar os vídeos para promocionar as súas cancións.

Con todo e a pasar da súa destreza, a produción dun videoclip supón certas complexidades, como a necesidade de ter en conta a dinámica da música, “indo sempre en sintonía co ritmo da canción”. Aínda que no momento da rodaxe non atenden á gravación da son, “débese conseguir cubrir cada escena cun número suficiente de planos para que haxa un unha fluidez unha vez montado”, aclara Ana Eiras.

Temas moi humanos

Desde un enfoque narrativo, os catro grupos de traballo coincidiron en escoller temáticas moi humanas para os seus videoclips, situacións “nas que todos nos podemos sentir identificados”, desde o amor enfermizo, pasando polo divorcio ata chegar a dura vida laboral. Como exemplo, Camila Bossa protagoniza unha historia “baseada na relación daniña dunha muller coa súa parella, reflectindo aqueles amores que a pesar do sufrimento non somos quen de deixar”, explica Lorena. Outro dos grupo optou por lanzar unha mensaxe de esperanza a través dun home que, "dende mundo idílico predica a paz pero atópase coa indiferenza da xente, a excepción dun neno que o comprende e que o axudará na súa causa”, explican os creadores. Os restantes decatáronse ben por amosar as complexidades do mundo laboral actual “cheo de competencia e enfrontamentos entre as persoas” ou ben pola coplicada vida dun pai traballador que ten á súa filla ao seu cargo.