DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No concurso ‘Soy joven, soy europeo, no me paro’ coordinado por Beatriz Legerén e Isabel Martínez

O alumnado de Comunicación Audiovisual métese de cheo nunha campaña de promoción de emprego da UE

Todos os interesados en participar poderán enviar as súas propostas ata o próximo 1 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 24/02/2012

A Unión Europea busca na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación inspiración audiovisual para o proxecto Soy joven, soy europeo, no me paro, un concurso nacional para a realización dun documental sobre a promoción de emprego entre a poboación máis nova. As profesoras Isabel Martínez e Beatriz Legerén foron escollidas para coordinar esta iniciativa dende a Universidade de Vigo, “que foi invitada expresamente a participar no concurso”. As pezas seleccionadas serán exhibidas ao abeiro dunhas xornadas sobre emprego que se celebrarán nas cidades de Vigo, Valladolid, Barcelona, Valencia e Sevilla e todos os alumnos e alumnas que queiran participar no proceso de selección teñen ata o 1 de marzo para mandar as súas propostas.

O concurso está dirixido expresamente a estudantes universitarios e busca ideas para a realización de documentais e reportaxes que reflictan a problemática da xuventude en relación coa formación e o emprego na cidade “escoitando e dando voz aos propios protagonistas da campaña”, explica Legerén. Como sinalan as dúas profesoras, a participación neste proxecto axuda a visualizar o talento audiovisual da facultade pois “as pezas seleccionadas pasarán a formar parte dos fondos documentais da Unión Europea que os empregará sempre que o considere necesario, ademais de que tanto os alumnos como a Universidade aparecerán nos créditos de produción”, sinala unha das profesoras.

Así mesmo, formar parte deste proxecto supón a posibilidade de liderar unha produción audiovisual xa dende as aulas para o alumnado das titulacións de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas permitíndolles “vivir de primeira man o funcionamento do sector audiovisual e converténdose en toda unha experiencia profesional”.

Dúas fases

O proceso de selección de proxectos para esta campaña audiovisual consta de dúas fases, unha primeira na que se pide unha sinopse de 1000 palabras da peza tendo como prazo de entrega ata o próximo 1 de marzo. De todas as candidaturas, o xurado escollerá dúas de cada cidade participante e dotaraas con 500 euros para a súa gravación. A peza audiovisual debera ter unha unha duración non inferior aos oito minutos nin superior á media hora “tendo soamente tres semanas para rodalo”, apunta unha das docentes. Na segunda fase escollerase ao documental gañador que recibirá un premio de 1000 euros e será exhibido durante unha xornada de promoción prevista para o 29 de marzo en Vigo. Ademais, os alumnos gañadores terán a posibilidade de ser contratados dentro dos equipos de gravación que darán cobertura mediática ás xornadas divulgativas celebradas na súa cidade. Segundo apunta a docente Legerén, “ se o equipo audiovisual responsable o considera oportuno, farase un encargo profesional aos gañadores para producir a cobertura total dos eventos no resto das catro cidades”.

O xurado oficial do concurso estará integrado por académicos de referencia vinculados á ensinanza audiovisual das cidades e escolas participantes. Valorarán en primeiro termo os contidos, o rigor científico, a calidade da imaxe e a creatividade visual, “aínda que se aconsella empregar equipos de gravación lixeiros e sinxelos que aseguren unha naturalidade das testemuñas e a viabilidade da produción”, sinalan as docentes.