DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha protesta promovida pola delegación de estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte

O alumnado concéntrase por un “ensino público de calidade e accesible para todos”

No acto deuse lectura un manifesto de rexeitamento ao decreto de ordenación dos estudos universitari

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 05/02/2015

Co propósito de reivindicar “un ensino universitario público, de calidade e accesible para todo o mundo” a delegación de alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte convidou á comunidade universitaria a sumarse este xoves a un acto de protesta que tiña por obxecto deixar patente o rexeitamento de estudantes e profesorado ao decreto que permite a implantación de graos de tres anos e mestrados de dous, aprobado o pasado venres polo Consello de Ministros. “Non a un 3+2 desigual”, foi o lema co que se pechou unha concentración que se viu completada por “un minuto de silencio polo ensino público”.

Preto de 100 persoas reuníronse na entrada de facultade para participar nun acto que tiña por obxecto “defender unha das pedras angulares da nosa sociedade, unha educación universitaria de calidade”, como se destacaba no manifesto ao que deu lectura o delegado do alumnado do centro, Javier Prieto. “Hoxe nos reunimos e protestamos porque se puxo sobre a mesa un sistema sen ningunha garantía”, engadía un manifesto crítico co decreto de ordenación do sistema universitario que o Goberno aprobou “desoíndo a toda a comunidade educativa”.

Moitos cambios en pouco tempo

Na súa intervención, Prieto fixo énfase que a protesta convocada nesta xornada non era para oporse a un sistema de 3+2, senón a un proxecto concreto levado adiante “cando nin sequera se rematou de avaliar o sistema actual”. Neste senso, recordou que o decreto aprobado polo Goberno non contaba nin co apoio da Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (CREUP) nin da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), que esta semana acordaba unha moratoria na súa aplicación ata o curso 2017-2018. “O sistema está cambiando moito en moi pouco tempo”, lamentou o delegado de alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte, que se preguntaba se “poderá un graduado de tres anos competir cun licenciado de cinco”.

De aí que o manifesto altertase dunha “desvalorización dos graos que obrigará a unha especialización forzosa cun mestrado para poder ser competitivo no mercado laboral”. Por iso, un dos propósitos desta protesta era precisamente denunciar “que non haberá un aforro, xa que as taxas seguirán sendo as mesmas”, o que favorecerá a "ese grupo de persoas que, sen ningún problema, poden formarse e engordar o seu currículo cun máster detrás de outro e prexudicará á inmensa maioría social”. Por iso, Prieto salientou na súa intervención que noutros países onde xa está implantado o sistema de 3+2 “o prezo do crédito de máster é o mesmo ou moi próximo ao do grao”, o que o levou a concluír que “semella que o que se quere copiar doutros sistemas é o que interesa, non o mellor”.

O delegado do alumnado lembrou tamén unha frase de Nelson Mandela, “a educación é a arma máis poderosa que podes usar para cambiar o mundo”, para pechar a súa intervención denunciando que, coa aprobación deste decreto, “emprendéronse accións para intentar desarmarnos, para volver a un sistema que suprime a posibilidade de acceder aos estudos superiores a gran parte da clase media”.