DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco de 'De bruxas e bolboretas', unha iniciativa do programa Tangram presentada este luns

O alumnado creará un “gran mural interactivo” para concienciar da violencia machista

Este proxecto busca que as accións dos estudantes “invadan as rúas” na semana do 25 de novembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 09/03/2015

Un “gran mural interactivo”, que se vaia transformando cada vez que os veciños e veciñas de Pontevedra se reúnan ao seu carón para lamentar e condenar unha nova vítima mortal da violencia contra as mulleres. Esa será a achega de carácter permanente que o alumnado do campus realizará á cidade no marco de De bruxas e bolboretas, un dos tres proxectos que se insiren na segunda edición do programa sociocultural Tangram, que a Vicerreitoría do campus impulsa xunto co Concello. “Invadir ás rúas” con iniciativas deseñadas por equipos multidisciplinares de estudantes de diferentes titulacións na semana do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, é o gran obxectivo dunha iniciativa que busca espertar conciencias na sociedade.

“Para a Universidade é vital estar cada día máis presentes na cidade e iniciativas como esta permítennos ser máis visibles dentro da sociedade”, salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, na presentación deste proxecto, que tivo lugar este mediodía no Concello e na que estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces; a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e as representantes de Portal 48 e responsables de dinamización de Tangram, Ana Seoane e Rocío Gómez-Juncal. O alumnado das diferentes titulacións que se imparten na cidade terá cabida, segundo destacou Corbacho, nun programa que bota a andar nestas semanas e que ademais, “reflicte perfectamente os principios cos que estamos a traballar no proxecto de especialización do Campus Crea, xa que engloba a todas as facultades e escolas desta cidade universitaria”. Trátase ademais dunha iniciativa que, como engadiu Fouces, o Concello asumirá como a súa campaña do 25 de novembro, posto que o obxectivo do goberno local é desenvolver “iniciativas o menos institucionais posibles” e tratar de fomentar actuacións que impliquen “unha permeabilidade cara a sociedade, coas que a xente estea en contacto e coas que se sinta partícipe”.

Diferentes ópticas para un resultado conxunto

Segundo explicou Gómez-Juncal será o propio alumnado do campus o que definirá cales serán os contidos finais de De bruxas e bolboretas, unha iniciativa que nestes días bota a andar coa “captación de interesados e interesadas” en participar. A idea inicial, engadiu Ana Seoane, é crear tres grupos de traballo nos que se integren estudantes de Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas, Educación Infantil e Primaria, Fisioterapia ou Enfermería, para que sexan eles mesmos os que decidan “como queren invadir a cidade”. A idea é que estudantes de diferentes disciplinas “unan forzas” para que, dun traballo conxunto no que se reúnan “visións moi diferentes”, xurdan “traballos interdisciplinares” vinculados tanto coa prevención como coa denuncia da violencia machista. “Nós proporemos algúns exemplos, pero hai nada preestablecido”, apuntou Goméz-Juncal dunha iniciativa na que teñen cabida tanto carteis, vídeos ou performances, como accións formativas nos colexios e institutos da cidade.

Neste senso, De bruxas e bolboretas formúlase como un proxecto a desenvolver durante varios meses, xa que non só busca espertar conciencias na cidade, senón tamén promover a formación neste eido nas diferentes titulacións do campus. Por iso, antes da definición dos proxectos, desenvolveranse na Casa das Campás unhas xornadas formativas “nas que se vai amosar como se aborda esta temática desde diferentes áreas, como a educación, a comunicación ou as artes”, explicou Gómez-Juncal, que anunciou tamén que se tratará dunhas sesións non só dirixidas aos grupos de traballo senón abertas a calquera persoa interesada. A partires de aí e “titorizados en todo momento”, promoverase unha reflexión entre o alumnado que “se fará visible ao longo dunha semana”, a do 25 de novembro, na que tamén se converterá en realidade o “mural interactivo” que, segundo adiantou Fouces, podería ter o seu emprazamento na contorna da praza 8 de Marzo.