DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira sesión do Curso de Actualización Xurídica 2018/2019 deste centro

Alumnado de Dereito afonda nas imprudencias médicas e na pornografía vingativa nos ordenamentos italiano e español

A sesión contou coa participación de dous profesores doutores da Universidade de Bolonia

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Saúde
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/10/2018

O Curso de Actualización Xurídica 2018/2019 da Facultade de Dereito do campus de Ourense arrancou este venres cunha sesión centrada no dereito penal na que participaron dous profesores doutores da Universidade de Bolonia que abordaron, desde unha perspectiva comparada co ordenamento xurídico español, a responsabilidade penal en imprudencias médicas e a criminalización da pornografía non consentida en Italia.

Durante a inauguración do curso, Francisca Fernández Prol, vicedecana da Facultade de Dereito e coordinadora da iniciativa xunto á decana Marta Fernández, explicou como o curso, que xurdiu a iniciativa de profesorado do centro, celebra este ano a súa segunda edición co obxectivo de continuar contribuíndo á actualización de coñecementos en diferentes áreas do dereito de alumnado e profesorado. Para acadalo, propón un programa de sete conferencias doutros tantos especialistas das diferentes áreas do dereito presentes na facultade ourensá. “Nesta primeira sesión contamos cunha perspectiva de dereito comparado penal coa participación de dous profesores da Universidade de Bolonia, que conta cunha facultade de dereito referente para todos os xuristas europeos”, apuntou Fernández Prol na inauguración.

Dous temas que xeran polémica 

Dado que na primeira edición non se puido celebrar unha sesión da área de dereito penal esta foi a escollida para arrancar a programación 2018/2019. Así, explicou Virxilio Rodríguez, profesor contratado doutor de dereito penal da facultade organizadora, as persoas convidadas foron Matteo L. Mattheudakis e Gian Marco Caletti, profesores doutores “da facultade de dereito máis antiga de Europa” que contan cunha ampla traxectoria profesional, docente e investigadora a pesar da súa xuventude.

A sesión arrancou coa conferencia de Matteo L. Mattheudakis sobre a reforma da responsabilidade penal imprudente en Italia, en particular a reforma da culpa médica. Ao longo da súa intervención, o investigador italiano explicou, desde unha perspectiva comparada coa lexislación española, os conceptos máis importantes neste eido, especialmente en referencia ás lesións e homicidios acontecidos por imprudencia médica. Tamén se achegou aos principios implicados nestes casos, como o de confianza ou división do traballo, e nos graos e tipos de imprudencias, desde as graves ás profesionais. Ademais abordou a evolución xurídica nestes casos. “A súa intervención foi unha boa clase de dereito penal, xa que os conceptos son trasladables do dereito penal italiano ao español”, indicou Virxilio Rodríguez.

A segunda das conferencias levou por título Revenge porn e tutela penal: reflexións sobre a específica criminalización da pornografía non consentida. Nela Gian Marco Caletti abordou o coñecido como porno vingativo, é dicir contido sexual explícito que se publica en Internet ou medios similares sen o consentimento da persoa que aparece nel. Durante a súa intervención fixo un percorrido por algúns dos principais casos deste tipo que se teñen dado en Italia, como o de Tiziana Cantone, e, ademais de abordar os conceptos xurídicos fundamentais que se manexan neles, achegouse ás dificultades específicas do tratamento xurídico destas cuestións. “A pornografía por vinganza non se entende como un problema illado. Nun plano xeral, convén en cambio sinalar como as novas tecnoloxías (teléfonos intelixentes e Internet en primeiro lugar e, sobre todo, o uso que se lle vén dando á rede), ademais de acrecentar a grande escala as consecuencias de condutas xa existentes, multiplicaron as ocasións de posibles invasións na privacidade sexual das persoas. A privacidade é invadida e manipulada segundo novas e diversas inclinacións”, comentou o profesor.

Unha de sete

Tras esta apertura, o Curso de Actualización Xurídica 2018/2019 continuará a súa programación ata o 14 de xullo do vindeiro ano con outras seis conferencias nas que participarán José María Pérez, catedrático de Historia do Dereito da Universitat de Girona; María José Corchete, profesora titular da Universidad de Salamanca; Alfonso Calvo, catedrático da Universidad Carlos III de Madrid; Manuel Carlos Palomeque, catedrático da Universidad de Salamanca, e Luis Antonio Velasco, catedrático da Universidad de Valladolid. Nas súas intervencións tratarán cuestións como as confluencias entre o dereito e a teoría literaria; como afrontar o conflito constitucional da obxección de conciencia e os silencios do lexislador; as perspectivas de futuro do dereito internacional privado europeo no século XXI; a utilidade hoxe en día do dereito do traballo; a publicidade denigrante para as mulleres e a administración electrónica. Aínda que especialmente deseñadas pensando na actualización da formación do profesorado e do alumnado de grao e mestrado do centro, as conferencias, pola súa vinculación coa actualidade, tamén están abertas á asistencia de membros da comunidade universitaria doutras titulacións, profesionais e público en xeral.