DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro de orientación profesional

Alumnado de Dereito aprende a mellorar a presentación da súa candidatura a postos de traballo

Entre outros aspectos afondan en como empregar palabras chave no curriculum

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 09/02/2023

Alumnado da Facultade de Dereito participa nun obradoiro de orientación profesional centrado na presentación de candidaturas e elaboración do curriculum para o acceso a prácticas e emprego. A súa programación arrancou esta semana coa celebración dunha sesión presencial e continúa ata o día 15 de febreiro con titorización virtual individual e grupal.

Mª Belén Fernández, técnica de Orientación Laboral da Unidade de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, é a encargada de ofrecer este obradoiro, coordinado desde a Facultade de Dereito pola súa decana, Marta Fernández, e pola súa vicedecana Susana Álvarez. Segundo explicou Mª Belén Fernández, a iniciativa forma parte do Itinerario Empregarte e das actividades do coñecido como pasaporte de empregabilidade que ten a Universidade de Vigo. Igualmente, enmárcase nas actividades previas á feira internacional EmpregoinCampus, que está previsto que se celebre en marzo.

O obradoiro, comentou a técnica de Orientación Laboral da UVigo, arrancou explicándolle ás persoas asistentes “como son actualmente os procesos de selección e os curriculums”. A formación permitiralles facer o seu currículo, se non o teñen, ou, se xa teñen un, facelo máis atractivo. Entre outros aspectos, Mª Belén Fernández destacou que “estamos detectando que as entidades seleccionan os curriculums empregando palabras chave, polo que intentamos que o alumnado sexa consciente do léxico que ten que empregar no currículo para que non sexan descartados por non ter incluído unha palabra en concreto”. Así, detallou, para a selección de candidaturas as entidades empregan cada vez máis programas informáticos e filtros polo que as e os estudantes teñen que “mentalizarse de que teñen que axustar as súas presentacións e curriculums á descrición do posto de traballo ao que se presentan e non ser así descartados nunha primeira fase”. “Ao final, o obxectivo do currículo é poder chegar á entrevista”, lembrou a Mª Belén Fernández.