DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da Residencia ComTecArt, impulsada pola Universidade e a Xunta de Galicia

Alumnado de diferentes titulacións creará na Cidade da Cultura videoxogos inspirados nunha obra literaria

Terá lugar en marzo e abril e participarán 17 estudantes e titulados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 01/02/2022

Estudantes de diferentes perfís e titulacións traballarán conxuntamente nas instalacións da Cidade da Cultura no deseño e desenvolvemento do primeiro nivel dun videoxogo inspirado nunha obra literaria galega no marco da Residencia ComTecArt, que impulsan a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura. Incluída no programa de Residencias Artísticas no Gaiás (REGA), esta iniciativa está aberta á participación de alumnado de calquera grao ou máster da Universidade de Vigo, así como a titulados e tituladas no pasado curso 2020-2021, que dispoñen de prazo ata o 11 de febreiro para presentar as súas solicitudes. De entre as diferentes candidaturas, seleccionaranse un máximo de 17 participantes, que integrarán os equipos multidisciplinares que, a partires do mes de marzo, tomarán parte no Gaiás nunha iniciativa que toma o seu nome do grupo de innovación docente ComTecArt, que desde hai cinco anos leva a cabo nas aulas unha experiencia similar, con alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e a integrante do grupo ComTecArt Beatriz Legerén, presentaron este martes unha iniciativa que, como explicou Soto, é o resultado do “traballo conxunto”, das vicerreitorías do campus de Pontevedra e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, do grupo de innovación e da Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura. 

Levar ao Gaiás unha experiencia nacida nas aulas

Como explicou Legerén, ComTecArt naceu hai cinco anos como unha “experiencia multidisciplinar”, consistente en “mesturar alumnos de distintas disciplinas” que, no marco da súa formación en diferentes graos, traballaban conxuntamente no deseño dun videoxogo, o caso “máis paradigmático” dun produto multidisciplinar no eido da comunicación, xa que no seu desenvolvemento “combínase a parte creativa e narrativa, coa parte da arte e tecnoloxía”, todo isto mesturado á súa vez “coa xestión de proxectos”. Nese senso, esta iniciativa permitirá levar "esa experiencia" á Cidade da Cultura, nunha residencia que se desenvolverá ao longo de cinco fins de semanas entre o 5 de marzo e o 3 de abril, catro deles con traballo presencial e un virtual. O alumnado seleccionado, por outra banda, poderá desprazarse de xeito gratuíto desde os campus de Vigo e Pontevedra ata a Cidade da Cultura a través dos medios que porá á súa disposición á Universidade e contará con aloxamento e manutención gratuítas nos días de desenvolvemento da residencia.

Cos integrantes do grupo ComTecArt como guías, os seleccionados e seleccionadas traballarán, en diferentes equipos, no deseño e desenvolvemento dunha, como explicou Legerén, “proba concepto” dun futuro videoxogo, nunha iniciativa que pretende emular os procesos de traballo nesta industria, englobando as diferentes fases da creación dun videoxogo, desde o concepto inicial e o deseño de personaxes, ás narrativas, mecánicas do xogo e a súa programación. “O obxectivo desta experiencia é que os que participen sexan conscientes de que cando se fai un videoxogo non só é necesario saber programar e que na creación dun videoxogo participan moitos profesionais de moitos ámbitos”, engadiu a docente, que puxo de relevo a necesidade de que o alumnado “sexa consciente de que cada vez máis a tecnoloxía é un medio, pero nunca un fin”. 

Ao igual que na experiencia levada a cabo nas aulas, na o grupo ComTecArt contacta “con autores galegos de disintas disciplinas”, como escritores, guionistas ou debuxantes de cómic, para que “cedan parte da súa obra para que os alumnos, inspirándose nela, poidan crear proxectos absolutamente novos”, os proxectos que se leven a cabo na Cidade da Cultura terán como fonte de inspiración unha obra literaria, aínda por definir. 

Unha iniciativa pioneira para abrir unha liña de colaboración

Impulsadas o pasado ano como un “punto de apoio aos nosos creadores emerxentes”, como sinalou Vázquez, as REGA incorporan “por primeira vez” os videoxogos a esta iniciativa grazas a esta colaboración coa Universidade. “Dentro do videoxogo, hai deseño, hai cultura, hai esa parte que se basea nunha obra literaria galega”, salientou Vázquez, que destacou a aposta por ser “factoría de contidos” que recolle o novo Plan Estratéxico Cidade da Cultura (2021-2027), que avoga tamén por impulsar a creación dixital e o sector dos videoxogos en Galicia.

Tanto a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura como o vicerreitor incidiron tamén no “traballo conxunto” durante meses para dar forma ao que Vázquez definiu como unha “experiencia pioneira”. Así mesmo, Jorge Soto puxo de relevo a vontade das dúas institucións de ir “moito máis aló” nesta liña de traballo conxunto e anunciou a próxima sinatura dun convenio marco de colaboración en diferentes actividades, “que poden ir desde o desenvolvemento de proxectos de investigación, á organización de todo tipo de actividades académicas”, así como outra serie de iniciativas.  

Solicitudes ata o 11 de febreiro

Segundo recolle a convocatoria publicada pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, o prazo de presentación de solicitudes, a través da sede electrónica da UVigo, permanecerá aberto ata o 11 de febreiro. Co obxecto, como recolle a resolución, de “propiciar a creación de grupos multidisciplinares equilibrados con perfís complementarios”, as persoas solicitantes serán seleccionadas a partir dunha serie de criterios, como a titulación que cursan, a súa formación nas áreas relacionadas cos distintos perfís necesarios para o deseño e desenvolvemento dun videoxogo ou a súa experiencia neste eido, así como a súa creatividade, capacidade de traballo en equipo, habilidades de comunicación e manexo do motor gráfico Unity.