DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario impartido polo analista de políticas públicas Serafín Pazos

O alumnado de Dirección e Xestión Pública coñece de primeira man o funcionamento das institucións europeas

No marco da Cátedra Jean Monnet ‘Institucións europeas e cidadáns’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/03/2024

Experto en políticas públicas, o galego Serafín Pazos encárgase na actualidade da xestión de dez proxectos europeos, no marco do seu traballo na Asociación Europea para a Innovación no Desenvolvemento Local (Aeidl), tras ter sido durante 18 anos o representante en Bruxelas da Convención de Autoridades Locais Escocesas (Colsa) e coordinador durante unha década do grupo de expertos en Cohesión Territorial do Consello de Municipios e Rexións de Europa. Realizar un percorrido polas máis de dúas décadas de traxectoria profesional na UE deste analista foi o obxectivo central do obradoiro que impartiu este luns na Facultade de Dirección e Xestión Pública, no marco das actividades da Cátedra Jean Monnet Institucións europeas e cidadáns: Adaptar a Unión Europea aos desafíos da Dixitalización, que dirixe o profesor Celso Cancela.

Nunha actividade presentada polo responsable desta cátedra cofinanciada pola Comisión Europea e polo decano da facultade, Enrique Varela, Pazos Vidal buscou achegar ao alumnado “unha perspectiva ampla das posibilidades que implica a Unión Europea”, principalmente no eido laboral. Nese senso, o tamén membro da Comisión Institucional e de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega, afondou tanto no seu traballo actual en Aeidl, “na que dedicámonos a investigar políticas de desenvolvemento territorial”, en boa parte a través do “deseño e participación en proxectos Horizonte Europa”, como na súa experiencia previa traballando para as administracións escocesas ou como relator de varios ditames do Comité das Rexións. Neste punto, Pazos buscou trasladar o alumnado que tanto a UE como outros estados europeos teñen “un sistema de acceso ao sector público moito máis dinámico”, coa idea de que visen posibles oportunidades profesionais en Bruxelas, tendo en conta ademais que na UE “non existen as oposicións como as que hai aquí”, senón procesos de selección máis baseados “en habilidades e méritos”, explicou.

Obradoiro de preparación de proxectos europeos

Alén deste obradoiro, a cátedra que dirixe Cancela abre tamén nestes días a inscrición para a segunda edición do obradoiro Elaboración e xestión de proxectos financiados pola UE no contexto dixital, un curso virtual que busca iniciar o alumnado, dun xeito práctico, na elaboración e xestión de proxectos para concorrer a convocatorias comunitarias. Aberto tanto á comunidade universitaria, como a profesionais e outras persoas interesadas, trátase dun taller virtual, que se desenvolverá os días 9 e 11 de abril a través de Campus Remoto. 

Con inscrición gratuíta a través da plataforma Bubela, o obxectivo desta actividade é familiarizar as persoas participantes no manexo do portal de xestión de proxectos da UE, combinando nese senso unha introdución teórica a Unión Europea e as súas políticas públicas coa abordaxe, dun xeito práctico, dos “pasos claves para a formulación de proxectos” a través desta plataforma virtual. Impartido por Cancela e pola directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo, Eva Garea, o obradoiro busca nese senso dotar ao alumnado dunhas “habilidades e capacidades prácticas” que á súa vez incrementen a súa empregabilidade nun ámbito “con alta demanda” como é a tramitación de proxectos e axudas comunitarias por parte de institucións ou consultorías.