DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun programa Erasmus+ coordinado pola universidade checa de Pardubice

Alumnado de Dirección e Xestión Pública participará nun encontro internacional sobre desenvolvemento rexional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/02/2024

O pasado mes de novembro, Dirección e Xestión Pública recibía a visita dos responsables da Facultade de Económicas e Administración da universidade checa de Pardubice, que tiña como obxectivo ampliar as liñas de colaboración entre ambos centros, máis aló das que xa mantiñan no eido da investigación. Unha das propostas avaliadas nese encontro foi a incorporación da Universidade de Vigo a un programa de mobilidade Erasmus+ centrado na gobernanza e o desenvolvemento rexional, no que participan tamén institucións académicas de Hungría, Lituania e Croacia. Baixo o título de The principles of good governance and regional development, este programa desenvolverá neste mes de febreiro en Pardubice un curso intensivo ao que asistirán dez estudantes da facultade, xunto co profesor Constantino Cordal. 

“Esta é unha actividade froito da intensa relación que vén mantendo ao longo dos últimos anos o equipo de investigación do Observatorio da Gobernanza G3 cos investigadores de xestión pública desta universidade”, sinala o decano, Enrique Varela, tras manter unha reunión preparatoria co alumnado seleccionado nunha convocatoria aberta pola Vicerreitoria de Internacionalización. Como explica, trátase dun “curso intensivo” que entre o 19 e o 24 de febreiro reunirá na República Checa estudantado e investigadores de diferentes países e que se completará cunha serie de “actividades formativas virtuais ao longo das seguintes semanas”. De coordinar a participación da facultade neste programa europeo encárgase Cordal, que impartirá neste encontro unha sesión, explica, sobre “a participación das rexións na gobernanza multinivel da Unión Europea”, na que porá o foco no caso de España.