DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa desenvolvida con estudantes do Grao en Educación Primaria

O alumnado de Down Vigo adquire habilidades básicas de cálculo, dun xeito lúdico, en Ciencias da Educación e do Deporte

O obxectivo é achegalos a operacións básicas para a vida diaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/11/2023

A través de actividades cun carácter lúdico, desde a organización de xogos ata á recreación dun mercado na aula, nove alumnos e alumnas de Down Vigo, participantes no Programa universitario para o emprego e a vida autónoma na UVigo, achéganse nestas semanas ás aplicacións das matemáticas na vida cotiá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Fano xunto a dez estudantes da materia Recursos para o ensino das matemáticas, do Grao en Educación Primaria, que participan nunha iniciativa baseada na metodoloxía de aprendizaxe-servizo promovida pola profesora Marta Pérez e que ten como obxectivo contribuír a que mozos e mozas con síndrome de Down e diversidade intelectual adquiran habilidades básicas de cálculo que podan serlles de utilidade na súa vida diaria.

“Estamos encantados de poder participar neste tipo de iniciativas e proxectos, que permiten que o noso alumnado viva unha experiencia plenamente inclusiva no contexto universitario”, salienta Antía Vaamonde, responsable de formación de Down Vigo, respecto dunha iniciativa que se desenvolve por quinto ano consecutivo. Nela participan nove alumnos e alumnas do Programa para o emprego e a vida autónoma para persoas con diversidade intelectual, no que adquiren habilidades e competencias para aumentar as súas posibilidades de inclusión social e laboral e que está financiado polo Programa Unidiversidad da Fundación ONCE e cofinanciado polo FSE+. Para estes nove alumnos e alumnas, os talleres que engloba a actividade coordinada por Pérez e baseada na metodoloxía de aprendizaxe-servizo “son de grande utilidade”, xa que se centran no uso do cálculo en situación concretas e cotiáns, o que constitúe “un tema fundamental para a promoción da súa autonomía”, como sinala Vaamonde. Mais, ao mesmo tempo, lembra, tamén constitúen unha oportunidade para que os futuros e futuras docentes que se forman na facultade poidan “coñecer a diversidade intelectual desde a experiencia directa”. 

Actividades relacionadas coas compras e a xestión o do tempo

Divididos en cinco grupos, nos que se integran tanto alumnado de Educación Primaria como de Down Vigo, esta iniciativa arrancou cunha “sesión de coñecemento e avaliación”, na que o estudantado da facultade buscou coñecer “os coñecementos e habilidades matemáticas” de cada participante, así como as súas posibles carencias. Para o seguinte, encontro, apunta Pérez, cada grupo debía preparar unha serie de actividades dirixidas a “traballar esas carencias, sempre enfocadas a operacións moi presentes na súa vida diaria, a actividades relacionadas coa compra de produtos ou a xestión de tempo”.

Dirixida tamén a que o alumnado de Educación Primaria adquira competencias profesionais, a seguinte sesión desta actividade, que tivo lugar este mércores, levou a converter unha das aulas da facultade nunha especie de “mercado”, no que os estudantes de Down Vigo tiñan que realizar diferentes compras. A cada un deles, explica Pérez, asignábaselle o inicio da sesión un “rol de vida”, que recollía o seu soldo e os seus gastos e no que se lle indicaban á súa vez que as tarefas e actividades que tiñan que desenvolver, que ían da compra de alimentos ou roupa a ir o cine, comprar un móbil ou contratar unha viaxe. Finalmente, este proxecto pecharase nos próximos días cunha actividade nunha superficie comercial, onde o alumnado de Down Vigo terá que realizar a compra, cun determinado orzamento e unha lista de ingredientes que deberían reunir para a preparación dun xantar na asociación. 

Así mesmo, no presente curso esta colaboración entre Down Vigo e a facultade estenderase ao segundo cuadrimestre, cunha nova actividade co alumnado da materia Dificultades na aprendizaxe das matemáticas, do máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria.