DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase da iniciativa eTwinning Singing Maths

Alumnado de Educación Infantil participa nun proxecto europeo sobre innovación docente mesturando música, matemáticas e linguas

Traballaron con estudantes de Francia, Países Baixos e Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 21/12/2023

Alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acaba de rematar a súa participación no proxecto europeo eTwinning Singing Maths. Ao longo deste cuadrimestre traballaron de xeito interdisciplinar no eido da innovación docente mesturando música, matemáticas e linguas e fixérono con outros estudantes de Francia, Países Baixos e tamén da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

eTwinning é unha iniciativa da Comisión Europea que forma parte do Programa Erasmus+ cuxo principal obxectivo é fomentar a colaboración educativa en Europa utilizando tecnoloxías da información e da comunicación. Ao seu abeiro desenvólvese o proxecto Singing Maths, no que participan da Université de Picardie Jules Verne (Francia) a profesora Corinne Mancel, coordinadora do proxecto, Steve Haas e Hélène Claeys; da VIAA University Zwolle (Países Baixos) Bert Kuiper; da Universidade de Santiago de Compostela Carol Gillanders e da Universidade de Vigo Lucía Casal.

Traballo colaborativo

“Este proxecto ofrece una grande oportunidade de explorar contidos desde diferentes perspectivas e aproximacións en grupos de estudantes procedentes de diversos países, o que permite achegar diferentes culturas, experiencia e ideas, así como reforzar a competencia comunicativa en inglés e o traballo colaborativo internacional e transcultural”, comenta Lucía Casal. A docente da Área de Didáctica da Expresión Musical agradece á profesora Carol Gillanders o convite a participar neste proxecto que, comenta, é o primeiro eTwinning da UVigo.

En Singing Maths participaron 67 estudantes de terceiro curso do Grao de Educación Infantil da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense; 30 de Francia, 5 de Holanda e 6 da USC e, “o que fai un total de 108 estudantes de grao e mestrado que viviron unha experiencia nada habitual durante a súa formación académica universitaria”. O proxecto incluíu actividades como a selección de cancións tradicionais de cada cultura, a análise das súas letras para traballo de contidos lóxico-matemáticos á par dos musicais e lingüísticos, a comparación dos currículos dos países integrantes do proxecto e o deseño de propostas interdisciplinares arredor de cancións tradicionais, que foron agrupadas en forma de cancioneiro intercultural de corte didáctico. “O reto foi pensar en actividades secuenciadas que permitiran traballar á vez conceptos lóxico-matemáticos e musicais, na lóxica do traballo holístico que debe primar na etapa de Educación Infantil”, explica Lucía Casal. A lingua vehicular de traballo foi o inglés.

Facendo balance da experiencia, a profesora da UVigo destaca “o compromiso xeneralizado co que o alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social asumiu cada unha das tarefas propostas, co engadido de ter que comunicarse con alumnado internacional en inglés”. Esta experiencia, subliña, “é fundamental para o alumnado en formación, pois os proxectos eTwinning van dirixidos a todos os centros educativos e quizais cando exerzan como mestres de Educación Infantil pode darse a circunstancia que nos centros nos que traballen participen nalgún proxecto destes”.